No que levamos de ano AGAMME vén recibindo peticións de apoio e asesoramento a través das cales a asociación está a observar unha tendencia que xa se viña percibindo nos últimos meses. Xulgados que denegan medidas de protección a nenos e nenas vítimas, nais que son levadas a procesos de mediación a pesar de seren vítimas de violencia de xénero, nenas e nenos que piden non ver máis a proxenitores violentos e que son obrigados por medio de sentenzas de familia a manter ese contacto, probas de fluídos orgánicos que non son cotexadas co ADN do presunto agresor, equipos informáticos que non son analizados a pesar da sospeita de que no seu interior haxa material necesario para esclarecer os feitos, profesionais públicos de saúde cuxos informes son denegados como proba nos procedementos… De fondo volve a resoar en cada un destes casos a expresión síndrome de alienación parental , unha teoría que, tal e como acreditan a OMS e as máis relevantes entidades internacionais en materia de saúde mental, é unha fraude de ciencia e cuxa aplicación é ilegal no estado español dende a aprobación en 2021 da Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte a Violencia.

Ante o alarmante aumento deste tipo de situacións AGAMME lembra que é deber dos e das Fiscais velar polo cumprimento da lei. En concreto os e as Fiscais deben comprobar que se aplican as medidas de protección previstas na lexislación, así como que os profesionais que participan nos procedementos non cometen actos prohibidos, como é a aplicación da teoría fraudulenta coñecida como síndrome de alienación parental.

Por outra banda AGAMME lembra á Xunta de Galicia o seu deber no tocante á formación continuada de profesionais relacionados co eido xudicial. Neste senso é imprescindible que se impartan cursos de obrigada concorrencia a todos os xuíces e xuízas da xurisdición penal e civil en relación á prohibición dende 2021 de aplicar a síndrome de alienación parental. No tocante a profesionais que dependen directamente da Xunta de Galicia (equipos psicosociais e forenses do IMELGA, equipos técnicos de Protección de Menores, equipos técnicos de Puntos de Encontro Familiar) AGAMME insta a que a Xunta de Galicia realice inspeccións periódicas dos documentos emitidos por ditas entidades e organismos, coa fin de comprobar a presenza da seudo-síndrome de alienación parental e deste xeito poder abrir expedientes sancionadores contra os e as profesionais que desobedezan a lei, ou remitir a Fiscalía aqueles casos nos que observen responsabilidade penal ou civil.

AGAMME continúa botando en falta un protocolo de intervención que permita unha atención eficiente e adaptada ás necesidades da vítima, tal e como obriga a normativa internacional. Un protocolo que debería ser aprobado a través dunha norma de ámbito galego de tal xeito que fose de obrigado cumprimento. A asociación segue observando, trece anos despois da súa fundación, as mesmas carencias: deficiencias no sistema de detección e notificación por parte dos servizos máis directamente relacionados con infancia (educación, sanidade, servizos sociais, forzas de seguridade);  repetición de intervencións e realización de intervencións por parte profesionais non cualificados; déficits no funcionamento do IMELGA tanto no relativo ao número de profesionais que conforman os equipos como no tocante á súa formación específica en cuestións tan elementais como a psicoloxía evolutiva –que permite coñecer o nivel de desenvolvemento do neno e da nena en distintas áreas-, a psicoloxía forense ou a avaliación do dano físico e psicolóxico en idade pediátrica; no tocante á función xudicial, obsérvanse erros cometidos por algúns tribunais no tocante á forma en que se debe recoller o testemuño de persoas menores de idade, causando así vitimización secundaria, priorización da permanencia do vínculo paterno-filial desestimando en ocasións o risco que isto supón para o neno ou nena, permanencia nalgunhas decisións xudiciais dos argumentos propios da síndrome de alienación parental, fraudulenta e prohibida no estado.

AGAMME informa de que continuará facendo seguimento desta cuestión e, de non solucionarse, estudará distintas estratexias para lograr a súa corrección.

Xunta Directiva de AGAMME, a 5 de abril de 2023

AGAMME advirte de retrocesos na protección de nenos e nenas fronte á violencia intrafamiliar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*