Negamos á infancia cando lle negamos a palabra

Hoxe, día Internacional dos Dereitos dos Nenos e da Nenas, revisamos un ano máis a situación de dereitos da infancia no estado. Revisamos e atopamos leves sinais de breves intencións, mínimos cambios terminolóxicos, discursos efémeros, nada perdurable e nada que inicie un verdadeiro cambio. Existe, iso si, un movemento social que se fortalece, que non ten intención de frear o seu avance; un movemento que está a dar pasos de xigante para crear un discurso común, para buscar unha base teórica aos seus plantexamentos,  e para atopar vías de coordinación, vías de acción que teñan un efecto real sobre as vidas reais de nenos e nenas.

Hai un dereito fundamental que, a pesar de atoparse recoñecido en toda canta lexislación existe –internacional, estatal, autonómica- de dereitos de infancia, continúa suspenso: o dereito do neno e da nena a ser escoitado ou escoitada. AGAMME leva este discurso dende o inicio da súa andadura: os nenos e nenas vítimas non son escoitados-as. Dicimos isto porque, por unha parte nalgúns casos realmente non chega a escoitárselles. E nos casos nos que a xustiza habilita un espazo onde se recolle a súa voz as condicións en que se produce este acto perturban de maneira irreparable a natureza da palabra infantil.

Reclamamos unha e outra vez que os nenos e nenas vítimas deben poder participar en procedementos xudiciais que se adapten ás súas necesidades como vítimas e ás súas características evolutivas: poder ofrecer o seu testemuño en espazos amables; no momento adecuado para o neno ou nena, non o que lle convén a esta administración de xustiza á que os executivos estatais e autonómicos limitan postos de traballo prolongando así as listas de espera ata o inaceptable; a través de profesionais con formación, que saiban entender as reaccións das vítimas, recoñecer o seu ritmo, a súa necesidade de pausas e silencios, ata onde se lle pode preguntar, os límites da súa resistencia, que cousas pode responder e cales non porque queda fóra do que o seu nivel evolutivo lle permite.

A entrevista forense, ese sucedáneo de dereito a ser escoitado-a, é un acto opaco onde o neno ou nena se atopa cun equipo de adultos descoñecidos que deben recompilar datos en tempo récord sobre a súa experiencia traumática. O que sucede entre esas catro paredes volve ser unha escenificación do poder do adulto sobre o neno. E tamén, cómpre dicilo, unha confirmación do poder patriarcal expresado a través dos instrumentos do Estado, cada vez que se interpreta o testemuño do neno ou nena como un produto das intencións das súas proxenitoras, que é o que vén a advertir a Fiscalía na súa Circular 3/2009 –a pesar dos recordatorios anuais do baixísimo índice de denuncias falsas por violencia de xénero que fai o Consello Xeral do Poder Xudicial e mesmo a Fiscalía de Violencia de Xénero-, no seu apartado sobre a avaliación do testemuño infantil. É opaco porque, aínda que en ocasións se grava, rara vez está dispoñible para as partes, ninguén poderá comprobar en que consistiu o relato completo, a totalidade da palabra expresada e do relato feito a través da linguaxe non verbal, tan importante na comunicación infantil.

Esa palabra mutilada, a golpe de bisturí, logo copiada e pegada para ser exposta nos informes, nas sentenzas… non é en realidade a palabra. É un fragmento descontextualizado, connotado a través da interpretación do equipo forense, xuíces, fiscais.

Un caso extremo desta utilización a conveniencia do dereito do neno ou nena a ser escoitado ou escoitada vémolo nas ducias de sentenzas que, despois de ter realizado a escoita, resolven non facerlle caso, en base ao seu interese superior: nenos e nenas que se negan a manter contacto con proxenitores, por temor, e que se ven obrigados xudicialmente a cumprir réximes de visitas, estancia, custodia porque o tribunal entende que o seu interese superior é poder desfrutar do seu dereito a manter relación con ambos proxenitores. Dereito convertido en deber, obriga do neno-a cara o proxenitor-a. Preguntámonos para que se lle escoitou entón.

Non podemos deixar de lembrar a necesidade dunha verdadeira formación de todos os corpos profesionais que atenden a nenos e nenas vítimas. Unha formación non só técnica, senón tamén humana. A observación Xeral 12 do Comité de Dereitos do Neno e da Nena de Nacións Unidas inclúe este aspecto humano cando manifesta “42. El contexto en que el niño ejerza su derecho a ser escuchado tiene que ser propicio e inspirar confianza, de modo que el niño pueda estar seguro de que el adulto responsable de la audiencia está dispuesto a escuchar y tomar en consideración seriamente lo que el niño haya decidido comunica”. Sen esta perspectiva, sen esta intención de recibir empaticamente o testemuño do neno e da nena vítima, o dereito a ser escoitado-a non é posible.

O neno e a nena deben poder ofrecer o seu relato en condicións de transparencia e de empatía, como puntos de partida necesarios. Deben poder ser escoitados-as por profesionais que sexan quen de comprender e explicar a través da súa ciencia que as lagoas de memoria, a distancia emocional no relato, incluso a retractación, son elementos típicos do testemuño certo de sucesos traumáticos. A nosa xustiza non pode seguir baseándose na ignorancia para sentar sentenzas. Non pode seguir partindo de plantexamentos que, a pesar de pretenderse científicos, a comunidade internacional nega, como é o caso da suposta síndrome de alienación parental e a súa terapia da ameaza, e outras etiquetas que certos colectivos minoritarios dentro da psicoloxía propoñen  ciclicamente. Etiquetas simplificadoras que ocultan síntomas recoñecidos internacionalmente como indicadores de estrés postraumático ou de determinadas formas de vitimización.

Ese proceso alquímico –ou de collage, máis ben- de transformación da natureza da palabra do neno e da nena nunha substancia de síntese creada a imaxe e semellanza da ideoloxía dominante, nega a palabra en si. E nesa negación anúlase a posibilidade de Ser, do neno e da nena vítima. O terror que asoma nos ollos do neno ou nena cando, logo de relatar a experiencia máis dolorosa da súa vida o que atopa é a incredulidade sistemática, a mirada de suspicacia, a orde que lle obriga a manter relación con quen lle fixo mal… é o medo a non existir, a non ser.

Escoitar en condicións materiais e profesionais adecuadas, no momento adecuado para a vítima, dando o tempo que o neno ou nena necesite, nun espazo que o protexa pero que non sexa opaco -existen medios tecnolóxicos máis que suficientes para iso- que permita ao xulgador-a escoitar e ver directamente o que o neno ou nena di. Promover prácticas científicas de calidade e desbotar  posturas ideolóxicas que prexudican a credibilidade das vítimas.

Este é o camiño que sinala a lexislación internacional, cun horizonte lonxano aínda, pero cara o que cómpre comezar a andar xa. Chamamos aos medios de comunicación a deixar de tratar estes asuntos como temas de sociedade, porque son de interese xeral, e a mudar a forma en que se expresan para que non se trate de novas morbosas illadas do seu contexto; aos partidos políticos para que introduzan os asuntos de infancia, e non exclusivamente a pobreza infantil, nos seus programas de forma transversal; ao lexislativo, para que eleven a un maior nivel de concreción certos principios recoñecidos pero que non se levan a cabo porque son excesivamente difusos e non obrigan a ninguén; ao poder executivo para que deixe de considerar a infancia como o último pola cola tanto en programas como en medios e recursos;  a cada un e cada unha de nós que conformamos o entramado social para comezar a considerar aos nosos nenos e as nosas nenas como algo máis que unha promesa de futuro, reclamar  un cambio de paradigma real, e dicir alto e claro “eu créote”, como punto de partida para que os nenos e nenas vítimas deixen de ser invisibles, deixen de morrer un pouco cada vez que se lles nega.

 

AGAMME conmemora o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*