A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) quere facer pública a súa total desaprobación dos contidos do curso “A custodia compartida en Galiza, enfoque multidisciplinar”, que ten lugar en Lugo do 22 ao 29 de outubro de 2011, ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela.

AGAMME quere dar a coñecer a súa postura fronte á Síndrome de Alienación Parental (SAP), que estará presente transversalmente no citado curso da USC e está a utilizarse en Galiza e no Estado español como arma de violencia de xénero e contra os dereitos á infancia e adolescencia. Estamos a falar dunha teoría pseudocientífica, a SAP, que presupón a programación ou lavado de cerebro dun proxenitor sobre o neno ou a nena, co fin de denigrar e aldraxar o outro proxenitor e así xustificar a resistencia do/a neno/a a manter unha relación con este último. Nos últimos anos no Estado español fóronse infiltrando nas sentenzas xudiciais baixo a suposto sinatura científica da SAP argumentos para cambios de custodia ou outras accións legais de enorme repercusión para o/a neno/a e a familia.

A nula pertinencia da SAP foi corroborada por organismos como o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, do Consello Xeral do Poder Xudicial, ou a Asociación Española de Neuropsiquiatría, que a califican de falsa. Tamén ten sido rexeitada por institucións internacionais como a Asociación Americana de Psiquiatría (APA) ou a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Con estas premisas a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores non pode menos que desaprobar e rexeitar de xeito tallante a celebración dun curso co apoio da universidade pública galega no que se difunden ao público en xeral e aos futuros profesionais do país en particular, contidos como os anteriormente citados.

Achegamos tamén documentación relevante no que diversas institucións públicas do país rexeitan a utilización da SAP:

  • Posicionamento da Asociación Española de Neuropsiquiatría (descargar en pdf premento aquí)
  • Posicionamento do Consello Xeral do Poder Xudicial páxinas 128 e seguintes (descargar premendo aquí)
  • Informe do grupo de traballo de investigación sobre a suposta síndrome de alienación parental. Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero (descargar premendo aquí)
AGAMME denuncia a promoción da SAP nun curso universitario