A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) aproveita a celebración no 20 de novembro do Día Mundial dos Dereitos dos Nenos e as Nenas, para demandar mudanzas na políticas que deben garantir os dereitos fundamentais da infancia. Educación, sanidade e vivenda son algúns dos dereitos básicos que os nenos, nenas e adolescentes están vendo minguados.

A palabra crise estase a volver un comodín que pode ser empregado para xustificar políticas que implican perda de dereitos da cidadanía. A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), como entidade que loita pola promoción dos dereitos da infancia de nenos, nenas e adolescentes, chama a atención sobre os riscos que entraña esta postura, non só a curto prazo senón tamén de cara ao futuro.

No inmediato, é evidente: bolsas de poboación infantil que non ven cubertas as súas necesidades básicas, familias que se atopan en serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da educación, a inestabilidade que xera a perda da vivenda, un sistema sanitario público debilitado e saturado. En definitiva, a creación de guetos socioeconómicos xa dende a primeira infancia que poñen barreiras a aquel obxectivo aceptado universalmente de acurtar as diferencias sociais e ofrecer iguais oportunidades para todas as nenas e todos os nenos de Galiza.

Por outra banda, o curtopracismo das medidas que socavan os dereitos da infancia e da adolescencia non permite ver que o custo social e mesmo o gasto público que vai supoñer ter en breve unha poboación xuvenil que non puido facer uso dos dereitos básicos de sanidade, educación e vivenda, entre outros, é moi superior ao que supoñería facer fronte ás dificultades do momento actual e restaurar plenamente o goce destes dereitos.

O informe recentemente publicado polo comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa sinala con contundencia a gravidade da situación da infancia e da adolescencia no Estado español, precisamente nestes tres aspectos que sinalamos.

Noutra orde de cousas, debe producirse un cambio decidido na protección da infancia ante todas as formas de maltrato, o cal supón modernizar a xustiza e os servizos relacionados coa mesma, mellorar a capacidade de detección de profesionais que traballan habitualmente con menores e, en definitiva acadar unha maior conciencia sobre a incidencia e repercusións desta problemática e sobre o deber de toda a cidadanía de denuncialo.

Non nos podemos permitir dar por perdida toda unha xeración e é responsabilidade dos poderes públicos recoñecer as prioridades dun país. En base ao interese superior dos nenos nenas e adolescentes a prioridade non pode ser outra que apostar por que os nenos e as nenas de hoxe medren en igualdade de condicións e coas mellores oportunidades e calidade de vida que como sociedade en crise poidamos ofrecer. En función de como superemos ese reto poderemos cifrar o noso nivel de desenvolvemento como sociedade, a nosa calidade  humana.

AGAMME reclama unha viraxe nas políticas da infancia no Día Mundial dos Dereitos dos Nenos e as Nenas