Un total de 26 colectivos feministas galegos, xunto con 11 entidades de diverso carácter e preto de 250 particulares asinan o texto en apoio a Sultana Khaya e á súa familia que pasamos a transcribir. O texto permanecerá aberto para sinaturas ata última hora do vindeiro domingo 12 de decembro na seguinte ligazón:

https://docs.google.com/document/d/1cdjADMV-c7TWinlI2GgNQacQY7rCJD9Um_KB3eFt3xk/edit

DECLARACIÓN DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO A RAÍZ DO NOVO ATAQUE DENUNCIADO POLA ACTIVISTA SAHARAUI SULTANA SID BRAHIM KHAYA

O  movemento feminista galego envía unha mensaxe de apoio e solidariedade á activista saharaui Sultana Khaya e á súa familia (a nai ten 82 anos e hai un menor de 12 anos), logo de ter sido de novo agredidas na madrugada do 5 de decembro, segundo elas mesmas denuncian nun vídeo difundido por Equipe Media Sahara, por forzas paramilitares marroquís no seu domicilio na ocupada cidade de Bujador.

O arresto domiciliario da activista e da súa familia iniciouse o 21 de novembro de 2020, xusto dous días despois do regreso de Sultana de España, e dende hai máis dun ano sofren constantes e brutais ataques no seu domicilio con substancias tóxicas, agresións físicas, agresións sexuais, inoculación de substancias químicas descoñecidas e unha posible infección non accidental co virus da Covid-19.

As asociacións feministas non podemos permanecer en silencio ante esta constante violación de dereitos da que están a ser vítimas a Presidenta da Liga Saharaui para a Defensa dos DDHH e contra o Espolio dos Recursos Naturais así como as súas familiares. Por cuarta vez dende o inicio do arresto domiciliario as activistas denuncian ter sufrido agresións sexuais por parte de paramilitares marroquís, nunha clara mostra do que Laura Segato define como novas formas da guerra: “as novas formas da guerra, caracterizadas pola informalidade, despréganse hoxe nun espazo intersticial que podemos caracterizar como para-estatal (…). Nesa esfera de para-estatalidade en franca expansión, a violencia contra as mulleres deixou de ser un feito colateral da guerra e converteuse nun obxectivo estratéxico deste novo escenario bélico”. Trátase ademais dunha violencia que toma como terreo de combate o corpo das mulleres e como medio a violación e outras formas formas de violencia sexual.

Parafraseando a Silvia Federici, debemos ter en conta que neste escenario “a violencia contra as mulleres é un elemento esencial nesta nova guerra global, non só a causa do horror que evoca ou as mensaxes que envía, senón polo que representan as mulleres, capaces de manter unida á súa comunidade e defender concepcións non comerciais da seguridade e a riqueza”.

Así pois:

Condenamos rotundamente a violación sistemática de dereitos do pobo saharaui que se materializa dende a entrada de tropas marroquís en territorio saharaui en novembro do ano 2020, entre outros actos violentos, no arresto domiciliario e constantes agresións á activista Sultana Khaya e á súa familia.

Esiximos ao goberno español que condene a vulneración dos dereitos do pobo saharaui por parte do goberno marroquí e, no caso que nos ocupa, inste ás autoridades marroquís a liberar á familia Khaya do arresto domiciliario ao que está sendo sometida.

Esiximos ao goberno de España que, como autoridade administrativa responsable de asegurar a paz na zona e de guiar o proceso de descolonización do Sahara Occidental por parte de Marrocos, realice as acción pertinentes que conduzan ao abandono do exército marroquí dos territorios saharauis e o cese da violencia contra o pobo saharaui.

Que os feitos denunciados por Sultana Khaya dende o inicio do arresto domiciliario en novembro de 2020 sexan investigados polo Tribunal Penal Internacional.

Que a MINURSO (Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental) realice de forma efectiva o seu cometido e que se estableza un mecanismo de vixilancia que permita coñecer o estado de cumprimento de Dereitos Humanos que garanta a non violencia así como a celebración con garantías democráticas do referendo sobre a soberanía do Sahara Occidental.

 Galiza, a 8 de decembro de 2021

 

Dende AGAMME queremos destacar, asimesmo, que entre as persoas en arresto domiciliario se atopa un menor de idade de 12 anos que está sendo exposto ás constantes mostras de violencia e sendo testemuña dos ataques dirixidos contra a súa nai, tías e avoa. Desta forma queremos chamar a atención sobre a maneira en que se vulneran os dereitos de nenos e nenas por parte do ocupante marroquí.

 

AGAMME subscribe a Declaración do Movemento Femista en apoio á activista saharaui Sultana Khaya

One thought on “AGAMME subscribe a Declaración do Movemento Femista en apoio á activista saharaui Sultana Khaya

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*