O pasado martes 1 de decembro  o conxunto dos grupos parlamentarios galegos adoptaron un acordo respecto das medidas que a Xunta de Galicia deberá levar a cabo para cubrir as amplas lagoas existentes a día de hoxe na atención ás vítimas menores de idade por parte da administración.

O texto, que a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) espera sexa o punto de partida dunha nova perspectiva por parte do goberno galego na organización dos servizos destinados a atender a nenos, nenas e adolescentes vítimas, inclúe os seguintes puntos:

  • Considerar dentro do actual sistema de protección á infancia a todas as vítimas menores de idade aínda que non se atopen en situación de desamparo.
  • Garantir que todos os nenos, nenas e adolescentes teñan a consideración de vítimas de violencia machista cando as súas nais o sexan.
  • Aprobar un protocolo de coordinación interinstitucional de obrigado cumprimento, en colaboración coas demais administracións, que deberá garantir o carácter científico de todas as medidas e actuacións, priorizar o interese superior da persoa menor de idade, asegurar a especialización dos e das profesionais que interveñen na atención a vítimas menores de idade, garantir a coordinación multisectorial, asegurar que os servizos de atención á infancia maltratada sexan públicos.
  • Impulsar a creación dunha quenda de oficio de avogacía especializada en atención ao maltrato infantil.
  • Promover a investigación e o debate científico nas universidades galegas en materia de maltrato infantil (etioloxía, estatística, socioloxía, criminalística, avaliación, tratamento, repercusións na saúde,…)
  • Demandar ao Goberno do Estado que garanta que todos os nenos, nenas e adolescentes teñan a consideración de vítimas de violencia machista cando as súas nais o sexan.

 

A próxima lexislatura pode ser, polo tanto, crucial para que o acordo se cumpra de maneira plena, o cal implicará esforzos orzamentarios e organizativos importantes.

Porén, e a pesar do balance positivo, quedan no tinteiro algunhas cuestións sobre as que non podemos deixar de chamar a atención.

Un dos grandes problemas que deben enfrentar os nenos, nenas e adolescentes na actualidade é a obstaculización do seu acceso á xustiza  debido a clixés que actúan de maneira pexorativa sobre a súa credibilidade. A asociación constata, tanto a través do seu traballo diario como na colaboración con outras entidades, a pervivencia de métodos non científicos na avaliación do testemuño de vítimas menores de idade e na toma de decisións polos órganos xurisdicionais. É o que se coñece como síndrome de alienación parental, “a única enfermidade mental -ironiza unha coñecida experta na materia- que se dá únicamente no ámbito xudicial e que se cura por orde dun xuíz”. Segundo os seus ideólogos, a suposta síndrome só atopa a súa cura a través da terapia da ameaza, para cuxa materialización os nenos e as nenas deberán ser sometidos a coaccións e ameazas reiteradas, moitas das cales se cumpren, a través de terapeutas, xuices e forzas da orde. O obxectivo de todo este aparato é lograr que desapareza o rexeitamento do neno, nena ou adolescente cara a persoa a quen acusa de terlle causado o maltrato. A pesares do intento dalgúns dos grupos da oposición, este punto non puido ser aprobado no pleno do Parlamento Galego.

O outro asunto crucial que o pleno tampouco chegou a consensuar é o que atinxe á necesidade de remodelar os equipos de avaliación forense e os equipos psicosociais, pois na actualidade non existen na administración galega equipos específicos de atención a nenos, nenas e adolescentes vítimas. Como ben é sabido, na xustiza a constitución da proba é un asunto fundamental. O testemuño infantil só é posible recollelo e avalialo se se posúe formación, estratexias e experiencia na materia, e así o manifesta Nacións Unidas a través da súa Observación Xeral nº 12 do Comité de Dereitos do Neno e da Nena. É polo tanto unha carencia imperdoable que está a supoñer que unha boa parte dos delitos cometidos contra menores de idade e cuxa única proba posible é o testemuño do propio neno ou nena están a quedar sen posibilidade de enxuizamento.

Por outra banda, AGAMME vén reclamando á administración que os equipos están dotados de maneira insuficiente, o cal se traduce en tempos de espera prolongados durante os cales as vítimas menores de idade adoitan permanecer sen medida de protección. Ademais, o paso do tempo dificulta ás vítimas a recuperación de detalles contextuais concretos que logo lles son exixidos para dar por bo o seu relato. É dicir, que se remata por achacar á vítima o defecto que o propio sistema fabricou.

Están en xogo dereitos fundamentais, tales como o dereito a tutela xudicial efectiva, o dereito a non recibir trato denigrante ou o dereito dos nenos, nenas e adolescentes a seren escoitadas. Polo tanto, este é só un paso. É preciso un traballo de fondo que teña como obxectivo unha xustiza cualificada neste eido e unha administración sensible cara ás necesidades das vítimas menores de idade. É o primeiro paso cara un cambio de paradigma na consideración das persoas menores de idade como suxeitos de dereitos por parte da sociedade no seu conxunto e especialmente naqueles sectores que teñen responsabilidades na toma de decisións respecto da vida dos nenos, nenas e adolescentes do noso país.

AGAMME valora positivamente o acordo adoptado no Parlamento Galego en materia de atención á infancia maltratada ao tempo que sinala retos pendentes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*