Dende AGAMME queremos amosar o noso apoio ao comunicado feito público polo Foro Galego de Inmigración motivado pola detención de dous rapaces, un deles menor de idade, nun contexto de discriminación racista.
Apoiamos asimesmo a convocatoria de concentración para esta tarde, 20 de xullo, a partir das 20:00 h. na Praza do Obradoiro.
 
Texto completo do comunicado:
 
O Foro Galego da Inmigración e os colectivo Resistencia en Terra Alleia e Raias Traveseiras COMUNICAMOS: 
 
 
O día 10 de xullo ao redor das 7 da mañá, un grupo de catro rapaces (dous deles racializados) agardaban o bus para regresar aos seus fogares na parada da rúa da Rosa. A policía detívose diante deles e esixiu que se identificaran, dirixíndose unicamente aos rapaces racializados. Un deles, menor de idade, tentou explicar que tiña o documento na casa e que podía ir a por el ou tratar que alguén llo achegara.
 
A policía reaccionou de maneira prepotente, ignorando as explicacións do rapaz e pasando a detelo de forma violenta, aumentando o nivel de brutalidade cando o menor resístese a subir ao coche patrulla, por medo ao que lle puidera pasar en comisaría. Tal e como se pode ver nos vídeos difundidos por redes sociais o pasado fin de semana, gravados por un dos amigos do mozo agredido, a actuación da policía foi absolutamente desproporcionada e truculenta. De fato, nun determinado momento as persoas presentes comezan a berrarlles aos catro axentes que paren, que están a asfixiar ao rapaz, dado que lle agarran con grande violencia e lle oprimen o peito. O outro mozo racializado, maior de idade, tamén foi detido ao tratar de evitar que a policía seguise a facer dano ao seu amigo.
 
Aínda non sabemos cales van ser as consecuencias legais para estes dous mozos. Ambos foron levados á comisaria e lles tiveron unha hora e media detidos sen teren comunicación coas súas familias, contravindo os seus dereitos fundamentais, situación xa de por si grave e aínda mais cando se trata dun menor.
 
No Estado Español non é una sorpresa que se fagan redadas ou detencións por perfil étnico, Galiza tampouco é a excepción. Cando a policía, nun grupo mixto, decide identificar soamente as persoas racializadas, é racismo. Cando se cuestiona esta escolma e se xustifica polo principio de “perigosidade”, é racismo. Cando se fai uso da brutalidade policial para reter, danar, humillar e criminalizar a unha persoa, é racismo. Cando se vulneran os dereitos e a integridade dunha persoa pola súa cor de pele, maneira de vestir ou polo idioma que fala, é racismo. Cando deshumanizan os nosos corpos na rúa, ao volver para casa, indo a traballar, tomando algo nunha terraza ou facendo cola nun establecemento, é racismo, e é VIOLENCIA RACISTA ESTRUTURAL.
 
Este racismo que expande violencia polas nosas experiencias de vida e memoria colectiva está amparado polo sistema de dominación internacional. Un sistema controlado por gobernos, institucións e grandes empresas, incluíndo os medios de comunicación.
 
Tanto El Correo Gallego como La Voz de Galicia (e moitos outros xornais) son cómplices desta violencia ao difundir información falsa e malversar o relato sobre o sucedido o último venres. Nós, que coexistimos no mesmo territorio, queremos manifestar que a seguridade é algo que se acada garantindo condicións de xustiza e de trato digno e non discriminatorio para todas as pesoas que o habitamos. As identificacións por perfil étnico, as redadas racistas, a criminalización e persecución das persoas racializadas e/ou migradas, todo o cadro xurídico, a Lei de Estranxeiría e demais instrumentos represivos, acarean grande inseguridade e vulnerabilidade para as nosas vidas e das nosas familias.
 
Facemos un chamamento á co-responsabilidade do conxunto da poboación para garantir a seguranza das persoas migradas e/ou racializadas nas rúas e en todos os espazos. Se unha persoa branca non tivera gravado o vídeo, non poderiamos denunciar a esta agresión. Se unha persoa branca non lle tivese berrado á policía, este mozo podería estar na ampla lista de persoas asasinadas polo racismo, porque as nosas voces están eclipsadas e os nosos corpos deshumanizados.
 
Apelamos a todes a rachar con esta barreira e unirse á concentración que faremos o vindeiro luns 20 ás 20hs na Praza do Obradoiro contra a violencia racista, as súas ferramentas de poder e os medios de comunicación que sustentan e perpetúan o racismo.
APOIO AO COMUNICADO E CONVOCATORIA DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN A RAÍZ DA ACTUACIÓN DA POLICÍA NACIONAL NA DETENCIÓN CON USO DA FORZA DUN MENOR DE IDADE, NUN CONTEXTO DE DISCRIMINACIÓN RACISTA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*