Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) aplaudimos o editorial que vén de publicar somosninguen.org arredor do xenocidio palestino na Franxa de Gaza que está a ser especialmente tráxico para os máis pequenos, co asasinato nas últimas semanas de máis dun cento de nenos e nenas. En AGAMME facemos nosa a reflexión final do artigo: “O asasinato planificado dun só neno invalida calquera proxecto de civilización”.

Arsenais de cinismo contra Palestina

O máis estarrecedor das últimas operacións militares do Estado de Israel, xunto á eficiente capacidade para o asasinato da poboación civil, é que converte en estatua de pedra todo relato alternativo ao xenocidio. Sen menoscabo, antes ao contrario, do xornalismo que arrisca vidas divulgando cada masacre, das columnas que os mellores talentos escriben para nos levar á conmoción, a traxedia perdura minuto a minuto, ano tras ano, década tras década igual a si mesma.

O plan de limpeza étnica foi quen de crear os seus propios ritmos. No que atinxe aos feitos, avanza ao paso elemental no que minguan as cores do mapa do territorio de Palestina. “É preciso que morran nenos”, twitteaban adolescentes israelís. Os feitos mídense en miles de hectáreas progresivamente ocupadas polo colono. A gramática aprendeu a ser sutil: atacamos porque nos atacan, matamos e asinamos plans de paz; contra o terrorismo, civilización; fronte ao racismo, coexistencia. E voa a vangarda armada polos EE.UU á mesma hora que as pombas brancas na praza de San Pedro.

Se para o sionismo o avión de combate é a expresión terreal dunha vontade divina, o silencio dos corpos esnaquizados denuncia a absoluta esterilidade do que nos gusta imaxinar como transcendente. Cando voces do autodenominado humanismo occidental sinalan, ao xeito dos mísiles, a ameaza que paira no crecemento da yihad, deberiamos pedirlles máis concreción. ¿Que número de nenas e nenos mortos resulta tolerable para a salvagarda do ideal democrático? ¿Exactamente a partir de cantas ducias de miles perden lexitimidade non só as institucións nacidas ao abeiro dese ideal, senón a ética superior que urxiu a fundalas?

Que o exército israelí faga saltar polo aire os locais da ONU -e as persoas que se refuxian dentro- materializa apenas unha práctica diplomática con longa tradición. Os mísiles de alta tecnoloxía que arrasan Gaza -e non só Gaza- transforman o discurso político internacional nun xénero literario e a sede da ONU nun mausoleo posmoderno. É certo que o contexto non se parece en nada ao que xurdiu das ruínas da posguerra mundial. Se a bomba de Hiroshima se lanzase este mes, o Nobel da Paz Barack Obama comparecería nos medios para anunciar unha comisión de investigación.

Pero non nos limitemos aos escenógrafos do simulacro capitalista. Sabemos que tanto as categorías de crime de guerra, xenocidio ou limpeza étnica coma a maquinaria capaz de sentar culpables no Tribunal da Haia teñen a mal funcionar contra un aliado da OTAN. Por iso a esquerda planetaria, o seu mosaico de viveiros nacionais e faccións teóricas, queda tamén retratada estes días. Xa que as institucións herdeiras da Guerra Fría esgotaron o arsenal do cinismo, preguntámonos a que esperan as organizacións situadas no ámbito da esquerda e as súas cabezas visibles –políticas, mediáticas, intelectuais– para promover o papel constituínte dunha cidadanía global que semella máis anestesiada ca nunca. Precisamente porque o clamor que se iniciou en Seattle foi varrido desde os mesmos despachos que pretenden modular a nosa repugnancia ante a aniquilación de Palestina, poderiamos comezar dicindo que o asasinato planificado dun só neno invalida calquera proxecto de civilización.

Dispoñible en: http://www.somosninguen.org/arsenais-de-cinismo-contra-palestina/

“Arsenais de cinismo contra Palestina”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*