Adxuntamos a crónica da II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia  realizada por Lupe Ces para Ártabra 21 e publicada o 28 de xaneiro de 2013.
Xornadas Artabra21

“Estamos ante unha sociedade que non está aberta a recibir información sobre o abuso á infancia”

Estamos ante unha violencia que non interesa a ninguén, porque a esta sociedade non lle importa a infancia, só hai que ver o espazo que ocupa nos discursos políticos ou nos programas eleitorais”. Así de rotunda se pronunciaba a responsable de Advocacy e Campañas de Save The Children, a avogada Yolanda Román, na II Xornada sobre o Abuso Sexual Intrafamiliar, organizada por AGAMME. “Estamos ante unha sociedade que non está aberta a recibir información sobre o abuso á infancia”, lembraba esta ponente que insistía que o 52% da sociedade española ve normal pegar aos nenos e nenas para educar.

Ademais de dar a coñecer os dous últimos informes elaborados por esta organización, asegurou que existen ferramentas legais para facer valer os dereitos das nenas e dos nenos, comezando pola propia Convención dos Dereitos da Infancia do ano 1989. O que sucede, insistiu a representante de Save The Children é que non existen os recursos necesarios para aplicalas. A sociedade debe coñecer cales son as prioridades dos estamentos políticos, porque a infancia non soe ser unha delas.

Tamén denunciou que na Administración de Xustiza, os nenos e nenas son xeralmente vítimas de violencia institucional, tanto se se trata de testemuñas, como de vítimas dun delito. Hai descoñecemento na administración, mesmo de que as normas internacionais son de aplicación directa nos estados asinantes. Asegurou que hai descoñecemento e falta de especialización. Sumou a isto os prexuízos instalados, dos que subliñou a “Presunción de manipulación” que se exerce sobre as nais das vítimas de abuso, e a “presunción de non credibilidade” da Infancia.

A palestra do psicólogo Manuel Lopo, especialista en Psicoloxía Clínica e Familiar, centrouse no “sen sentido da polémica do Síndrome de Alienación Parental”. Un síndrome que asegurou, non existe. Os dous organismos internacionais que publican a lista de enfermidades mentais, DSM e C10, non o recoñecen. Denunciou que se trata dunha invención do profesor de psiquiatría Richard Gardner. Un síndrome que se inventa xustamente cando en EEUU se comeza a perseguir con certa efectividade o abuso a menores no ámbito intrafamiliar.

Lopo asegurou que é escandaloso a utilización deste inexistente síndrome, en informes periciais, de casos de abusos a menores, onde abunda máis a opinión que a información. Engadiu que hai xa suicidios documentados de menores, obrigados por sentencias apoiadas no SAP, a convivir cos seus agresores.

Hai defensores do SAP, como é o caso de Aguilar Cuenca e Asunción Tejedor, que intentaron, sen éxito, o recoñecemento internacional como patoloxía. “Máis próximos están Francisca Fariña e Ramón Arce, defensores do SAP, vinculados a universidades galegas, que levan asinado proxectos de investigación e intervención con varios gobernos da Xunta de Galicia” , indicou Lopo.

Hai que falar dos beneficiarios do SAP, do Looby dos maltratadores, un Lobby machista con raíces moi arraigadas en ámbitos xudiciais, universitarios, médicos, e políticos, que ven neste síndrome inventado, unha garantía de que as denuncias non alcancen os seus obxectivos” concluiu este especialista en Psicoloxía Clínica e Familiar.

A avogada María Naredo, investigadora en dereitos Humanos, presentou na súa intervención nestas xornadas, o resultado dun estudo feito dos autos por abusos sexuais a menores, sobreseidos nas audiencias provinciais, no período comprendido entre xaneiro do 2011 e xullo do 2012. A este estudo engádense catro casos documentados. “É triste constatar que os indicios de abuso preséntanse segundo este estudo a idades moi temperás, de 17 meses ata catro anos”, indicou Naredo. Afirmando que o que debera proporcionar maior protección, por menor idade, á vítima de abusos, convertese nunha razón para o sobreseimento do caso, porque se asume unha maior influenciabilidade, e a dificultade de recoller testemuña veraz. Outro argumento esgrimido no sobreseimento dos casos, é a suposta instrumentalización nun proceso de separación ou divorcio. Argumentase que as denunciantes, nais, beneficiábanse no proceso de separación dunha posible condena, en ningún dos casos do informe, analizouse os beneficios do denunciado derivados do sobreseimento.

Esta investigadora en Dereitos Humanos fala da necesidade de recoñecer nas nenas e nos nenos suxeitos de dereito. Os casos de abusos deben ter prioridade, e primar o interese superior do neno ou a nena, non nun sentido literal do enunciado, senon vendo o que significa ese interese xeral para cada caso. “Nos procesos xudiciais non se contempla en moitas ocasións a protección do menor, nen o tempo que transcorre entre as dilixencias”, dándose casos como o dunha menor que pernoctou un ano enteiro co seu pai-agresor, desde o tempo da denuncia atá que foi condenado. “Non se motivan suficientemente as decisións xudiciais ditadas contra a opinión das nenas e nenos” explicaba María Naredo.

Despois de facer unha relación exhaustiva das trabas encontradas polas denunciantes para conseguir seguir adiante co proceso, incidiu na contradición que supón que a maioría dos casos sobreseidos, o son por falta de probas, cando esas mesmas probas foran solicitadas polas denunciantes e denegadas. “É frecuente nestes casos que a fiscalía non se opoña ao sobreseimento, hai unha falta importante de especialización en todos os actores do ámbito xudicial” concluíu a avogada. “Non estamos pedindo condenas, simplemente estamos pedindo que se investiguen os casos, que se utilicen ferramentas, que as hai, para conseguir testemuñas das vítimas e probas periciais rigorosas”.

A psicóloga Carolina Iglesias mencionou algúns dos estudos realizados sobre abuso sexual a menores indicando que ten unha incidencia do 0,5% anual, e unha prevalencia do 15% en nenos e dun 22% en nenas. Analisando os datos destes estudos, Carolina Iglesias desenvolveu a tese de que se pode falar de abusos sexuais de xénero dentro do ámbito familiar. Para a psicóloga,estes abusos entrarían dentro da violencia patriarcal onde factores como a asimetría e a coacción, marcarían as coordenadas do fin último desta violencia que é marcar o dominio, a posesión.

A representante de Save The Children recordou que xornadas como as desenvolvidas en Ferrol, son pequenas luces que comezan a alumear unha realidade oculta contra a que temos que sumar todas as forzas, e lembrar que os nenos e as nenas teñen dereito a ser escoitados, e que esa resposta se dé en condicións de seguridade e liberdade.

Ferrol, 28 de Xaneiro de 2012.

Ártabra 21

Ártabra 21: “Estamos ante unha sociedade que non está aberta a recibir información sobre o abuso á infancia”