Desde a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) difundimos e apoiamos a campaña de recollida de sinaturas levada a cabo pola Federación de ANPAS galegas a prol do regreso ao sistema de préstamo universal de libros de texto. Deixamos a continuación o texto íntegro da petición e o enlace para acceder e asinar:
Volver ao sistema de préstamos universal de libros de texto en Galicia
O Ensino público debe ser gratuíto, e non o será en tanto esa gratuidade non alcance á todalidade da atención que precisa a infancia e xuventude para se formar, sexan infraestruturas, sexa profesorado, sexan o material didáctico que teña que utilizar.
E a gratuidade non pode ter matices, gratuíto implica que todo o mundo ten dereito a non volver a pagar por participar do Ensino Público, xa pagamos cando tributamos, e xa o facemos dun xeito diferente segundo as nosas rendas porque teoricamente os impostos gravan dun xeito progresivo.
E ten que ser universal porque é a única garantía de que no Ensino Público non vai haber nenos diferentes, non vai haber nenos con libros novos e nenos con libros vellos, todos e todas participarán dun mesmo programa e da mesma maneira.
E ademais outorga un inmenso valor engadido: os nosos fillos e fillas aprenderán directamente o valor do coidado, da reutilización, do traballo para o grupo, a importancia de compartir e vivir en común.
E por último, é un sistema máis barato para o presuposto público que calquera baseado na subvención persoal; cal é entón a razón pola que non se utiliza? Pois haberá que lle preguntar aos poderes económicos que saen beneficiados desta decisión pública, probablemente aí estea a chave.