A asociación contra a violencia de xénero “Ve-la luz” vén de realizar unha comparecencia perante a Fiscalía de Menores da Coruña para denunciar que os puntos de encontro familiar, onde se reunen pais e fillos de parellas separadas ou divorciadas, están a incumprir a normativa vixente.
A través da súa presidenta, Gloria Vázquez, “Ve-la luz” denuncia que as instalacións existentes en Galicia para esta caste de servizo non son as axeitadas pois “nunha mesma sala pode haber ata cinco familias a realizar a visita” co que non se cumpre co dereito á intimidade das persoas usuarias . Asemade, detéctanse importantes “problemas de seguridade, como enchufes a baixa altura, grandes ventanais polos que pode caer un neno e medidas hixiénicas inaxeitadas”, sinala Vázquez. “Case todos os puntos incumpren o decreto 9/2009 que é o que regula este tipo de instalacións, pero no da Coruña o tema é sangrante”, recalca a portavoz da asociación, que cualifica o punto de encontro da cidade, ubicado na rúa Fonseca, de “ratoneira”.
Dende a asociación sostense que existen erros organizativos no punto de encontro coruñés que afectan a todas as persoas usuarias, mais especialmente ás vítimas de violencia de xénero pois “cando unha muller maltratada chega ao punto de encontro para que o seu fillo vexa ao pai, ou ben se ten que cruzar co seu agresor ou ben a súa familia no portal do edificio, sufrindo en moitas ocasións coaccións, insultos e agresións”, sostén Vázquez.
Por todo isto, dende a entidade contra a violencia de xénero “Ve-la luz” levan varios meses a denunciar a situación, especialmente ante a Xunta de Galicia, que é a que regula os puntos de encontro. De feito, a Secretaría Xeral de Familia e Benestar ten coñecemento da situación, pero segundo indica Gloria Vázquez “non fixeron nada dende que se presentou a primeira denuncia en xuño de 2011”.
A análise da situación na que se atopan os puntos de encontro de toda Galicia estase a realizar dentro dunha iniciativa da federación estatal “Grito en Silencio”, á que pertence “Ve-la luz”, e xa ten revelado que a maioría destas instalacións presentan a nivel peninsular importantes carencias en materia de seguridade, sanidade, material e persoal.

Enlaces de interese:
Asociación Ve-la luz: http://www.asociacionvelaluz.es/

Denúnciase ante a Fiscalía de Menores a ilegalidade dos puntos de encontro familiar