O xornal dixital Praza Pública vén de publicar unha entrevista con Estrela Gómez, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) que deixamos a continuación:

Este mércores 18 o Parlamento europeo acolle a celebración da xornada de análise e debate O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustizaorganizada por AGEe. O evento reunirá a mulleres de diferentes colectivos, entre eles a Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo, AGAMME, a Secretaría das Mulleres do SLG ou o Colexio de Psicoloxía de Galicia, ademais doutras expertas na cuestión procedentes do resto do Estado.

Unha das intervencións será a de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), que falará de “Nenos, nenas e adolescentes en procedementos xudiciais. A negación do dereito a ser escoitadas”. Ademais, AGAMME presentará ante a Comisión de Petición unha demanda ao Estado español por incumprimento das directivas europeas en materia de vítimas de violencia de xénero e vítimas menores de idade.

A entidade denuncia, xunto coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo e o Grupo Antígona, derechos y sociedad con perspectiva de género da Universidade Autónoma de Barcelona, “a existencia dunha praxe xudicial no Estado español que non responde ao marco normativo establecido polo Parlamento Europeo en materia de protección de vítimas de violencia de xénero e vítimas menores de idade”. “Esta praxe xudicial produce indefensión pois obstaculiza o enxuizamento deste tipo de delictos. As vítimas de violencia de xénero e os nenos, nenas e adolescentes que sofren maltrato a mans do proxenitor vense privados, durante o procedemento, de dereitos procesais e dereitos fundamentais”, engade a demanda.

Estrela Gómez destaca que “case de maneira sistemática, cando un menor relata unha situación de maltrato causada por un proxenitor, este relato é interpretado nun proceso xudicial como unha intención da proxenitora de causarlle un prexuízo. Isto leva a que estas situación non se enxuícen ou, ás veces, a que nin sequera se denuncien, porque na práctica a consecuencia é que as vítimas quedan nunha situación de maior desprotección. É dicir, o feito de que non se tomen en conta estas declaracións, fai que estes casos queden sen castigo, polo que moitas vítimas se inhiben á hora de denunciar, por medo ao que poida pasar”.

En definitiva, resume, “está estandarizada unha práctica xudicial que imposibilita que o testemuño dun neno ou dunha nena que sofre maltrato chegue a ser válido nun proceso”. A coordinadora de AGAMME destaca tamén a súa preocupación pola “consideración que para a Xustiza ten o neno ou a nena que vive nun ambiente de violencia de xénero”. “Non son considerados vítimas de violencia de xénero, agás nalgunhas situacións especialmente graves”, sinala.

Gómez Viñas explica que esta práctica ten a súas raíces no chamado Síndrome de Alienación Parental, ou terapia da ameaza, unha teoría do norteamericano Richard Gardner, que alertaba sobre o suposto uso deste mecanismo por parte das mulleres en contra dos pais dos nenos e nesas. Porén, destaca, esta teoría non está recoñecida pola comunidade científica, nin pola OMS, nin pola Asociación Americana de Psiquiatría. E en España o Consello Xeral do Poder Xudicial manifestouse completamente en contra, polo risco de vitimización que supuña para as persoas agredidas. “E a pesar de todo isto, no Estado español estase utilizando de maneira sistemática na práctica xudicial”, salienta. “Isto é moi grave: a xustiza non pode obrar en contra da ciencia”, engade.

As eivas esténdense a todo o proceso e todos os niveis, sinala: “Non se conseguiu que se adapten os procedementos xudiciais, senón que funciona ao revés: é a vítima a que ten que adaptarse. Por exemplo, o momento no que a unha nena ou neno se lle toma declaración non adoita ser o momento máis oportuno para eles como vítimas. Case sempre as declaracións teñen lugar varios meses despois, rememorando os feitos, e pedíndolles unha gran cantidade de datos e unha gran concreción, que pode ser de gran dificultade para eles e elas”.

“Ademais” -engade- “os equipos de atenden a menores vítimas non están especializados nesa atención. Tanto os servizos de menores, os equipos psicosociais dos xulgados e mais os forenses pasan a mesma oposición que o resto de traballadores da consellaría. Non é un servizo especializado, cando un menor dá un testemuño, non o dá normalmente ante un psicólogo especializado en psicoloxía infantil”. “Se non hai unha certa delicadeza, unha certa empatía neste procedemento, o menor pode sufrir dano. E, ademais, ese testemuño, ao ser recollido e avaliado por unha persoa non experta, moitas veces non é correctamente tratado e non chega a ser unha proba un xuíz, impedindo que se apliquen medidas de protección”, subliña.

Estrela AGE

Outras cuestións

AGAMME posicionouse publicamente con gran firmeza en contra do recente recorte do dereito ao aborto, polo que as mulleres de 16 e 17 anos pasaron a necesitar o permiso dos seus proxenitores para decidir sobre a interrupción dun embarazo. A entidade lembrou que “o marco lexislativo referente ás persoas menores de idade no Estado español establece que desde os 14 anos os nenos e nenas teñen responsabilidade penal con 16 poden incorporarse ao mercado laboral e a esta idade poden acadar a emancipación”. “Non é sustentable esa falta de coherencia: responsable penal pero non para decidir sobre o seu propio corpo”, sinalaba.

Ademais, facía fincapé no carácter innecesario desta medida, pois o aborto en mozas de 16 e 17 anos representaba o 3,6% do total de abortos realizados e na maioría dos casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus titores. AGAMME alertaba que os motivos alegados polas poucas rapazas que finalmente abortaban sen coñecemento dos seus pais e nais eran “desamparo familiar, familias desestruturadas, proxenitores en prisión, risco de sufrir malos tratos, enfermidade invalidante dos titores, negativa dos titores a acompañalas, ou posturas abertamente contrarias ao aborto”.

“É unha lei claramente ideolóxica”, destaca Estrela Gómez. “Está demostrado que cando as nenas queren abortar, as familias apóianas. E cando non teñen ese apoio, isto sucede en situacións familiares moi extremas, de maltrato, de vulneración de dereitos, de violencia sexual… Estase desprotexendo a un colectivo, que de por si xa parte dunha situación moi complicada”, denuncia

AGAMME amosa, igualmente, a súa preocupación por “como lles están afectando aos menores, sobre todos aos máis desprotexidos, as políticas de sanidade e educación aplicadas polo Goberno central e sobre todo polo Goberno da Xunta,que é quen ten as maiores competencias na materia, impedindo que poidan acceder aos mesmos dereitos”.

http://praza.gal/movementos-sociais/10577/esta-estandarizada-unha-practica-xudicial-que-invalida-o-testemuno-dos-e-das-menores-maltratadas/

“Está estandarizada unha práctica xudicial que invalida o testemuño dos e das menores maltratadas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*