A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza a “II Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia. A resposta institucional ante o abuso sexual intrafamiliar”, na que contrastados especialistas en dereito e psicoloxía infantil ofrecerán relatorios nos que se afondará nesta acuciante problemática social. As xornadas desenvolveranse o vindeiro sábado 26 de xaneiro no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204, Ferrol) dando inicio as charlas ás 10.00h da mañá e rematando ás 14.00h.

A xornada dará inicio ás 10.00h da mañá cunha presentación das xornadas por parte dun membro de AGAMME. Ás 10.20h a psicóloga Carolina Iglesias abrirá a charla cunha palestra sobre “O abuso sexual intrafamiliar. Mitos e realidades”. A continuación, ás 11.20h, a avogada e investigadora en Dereitos Humanos, María Naredo, desenvolverá a primeira presentación en Galicia do informe “A xustiza española fronte ao abuso sexual infantil na contorna familiar. Unha análise de caso á luz dos estándares internacionais de dereitos humanos”. Logo dunha pausa para o café, a xornada reanudarase ás 12.20h coa intervención da responsable de Advocacy e Campañas da organización non gobernamental Save the Children, para presentar o recente informe “Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos”. Finalmente, ás 13.10h, o psicólogo Manolo Lopo, falará sobre “A síndrome de alienación parental, o sensentido dunha polémica”.

Coa II Xornada sobre o maltrato a menores, AGAMME pretende sacar á luz pública unha problemática que tende a permanecer oculta e deformada por clixés e prexuízos: o abuso sexual infantil no ámbito familiar. Con estes catro relatorios introdúcense ademais os aspectos máis relevantes que dificultan a correcta atención das vítimas por parte das institucións, especialmente no que se refire á avaliación do testemuño e ao tratamento que nos máis dos casos reciben dentro do sistema xudicial.

Partimos da constancia de que un dos problemas básicos é a baixa porcentaxe de denuncias. Non debemos esquecer tampouco que é unha forma de maltrato que crea situacións de enorme indefensión para os/as menores e que os danos que xera poden prolongarse ata a idade adulta. A resposta do estamento xudicial tende a ignorar os testemuños infantís por considerar aos nenos e ás nenas propensos ao fantaseo, á mentira e á suxestionabilidade por parte do seu entorno familiar. Dende a psicoloxía forense, afírmase o contrario: os nenos e as nenas teñen un alto nivel de credibilidade cando declaran ter sufrido situacións de abuso sexual. Pódense extraer datos relevantes e fiables dende idades preescolares, aínda que preferiblemente a través de métodos indirectos (xogo, debuxo, representación con bonecos). Dende AGAMME cremos preciso asegurar que todos os axentes que forman parte dos procedementos con menores vítimas de abuso sexual posúen formación específica para atender este tipo de casos, tal e como establece o Convenio de Lanzarote: xuíces, fiscais, equipos forenses.

Reclamamos, por outra banda, que o sistema xudicial debe actuar sempre en base ao coñecemento científico e en ningún caso guiado por teorías de tipo dogmático e acientífico. É necesario desterrar de toda acción da xustiza teorías tales como a síndrome de alienación parental (SAP), ou interferencias parentais, a síndrome da nai maliciosa, a teoría do proxenitor amable, etc. Son plantexamentos profundamente sexistas non recoñecidos pola comunidade científica internacional, a pesar dos intentos constantes dende a década dos ’80. Son plantexamentos que, a pesar de acientíficos, serven de base para desestimar unha porcentaxe alarmante de denuncias por abuso sexual intrafamiliar e mesmo para retirar a custodia ao/á proxenitor/a denunciante.

Cartel das xornadas:

Cartel Xornadas AGAMME

II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia