O movemento feminista galego diríxese a organismos autonómicos, estatais e internacionais para esixir o cumprimento de DDHH no Sahara Occidental e a liberación de Sultana Khaya do arresto domiciliario

No día de hoxe, luns 13 de decembro de 2021, un total de 33 entidades pertencentes ao movemento feminista galego, xunto con outras 24 sociedades de diverso tipo e 297 sinaturas particulares, dirixíronse a organismos autonómicos, estatais e internacionais coa fin de esixir o cumprimento de Dereitos Humanos no Sahara Occidental e dos acordos internacionais relativos ao proceso de paz e para o referendo sobre a autodeterminación do pobo saharaui.

As organizacións dirixíronse aos grupos parlamentartios no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, ao Defensor del Pueblo e á CEDAW de Nacións Unidas (Comisión para a Erradicación da Violencia contra a Muller) e a MINURSO (Misión de Nacións Unidaspara o Referendo no Sahara Occidental). Por outra banda, están a facer xestións para que o asunto chegue ao Parlamento Europeo por medio dunha pregunta parlamentaria.

As entidades agradecen o apoio e a colaboración dos colectivos e particulares que asinaron e difundiron o texto.

Declaración Feminismo Galego_Sultana Khaya

Declaración Feminismo Galego_Sultana Khaya_CAST

 

AGAMME subscribe a Declaración do Movemento Femista en apoio á activista saharaui Sultana Khaya

Un total de 26 colectivos feministas galegos, xunto con 11 entidades de diverso carácter e preto de 250 particulares asinan o texto en apoio a Sultana Khaya e á súa familia que pasamos a transcribir. O texto permanecerá aberto para sinaturas ata última hora do vindeiro domingo 12 de decembro na seguinte ligazón:

https://docs.google.com/document/d/1cdjADMV-c7TWinlI2GgNQacQY7rCJD9Um_KB3eFt3xk/edit

DECLARACIÓN DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO A RAÍZ DO NOVO ATAQUE DENUNCIADO POLA ACTIVISTA SAHARAUI SULTANA SID BRAHIM KHAYA

O  movemento feminista galego envía unha mensaxe de apoio e solidariedade á activista saharaui Sultana Khaya e á súa familia (a nai ten 82 anos e hai un menor de 12 anos), logo de ter sido de novo agredidas na madrugada do 5 de decembro, segundo elas mesmas denuncian nun vídeo difundido por Equipe Media Sahara, por forzas paramilitares marroquís no seu domicilio na ocupada cidade de Bujador.

O arresto domiciliario da activista e da súa familia iniciouse o 21 de novembro de 2020, xusto dous días despois do regreso de Sultana de España, e dende hai máis dun ano sofren constantes e brutais ataques no seu domicilio con substancias tóxicas, agresións físicas, agresións sexuais, inoculación de substancias químicas descoñecidas e unha posible infección non accidental co virus da Covid-19.

As asociacións feministas non podemos permanecer en silencio ante esta constante violación de dereitos da que están a ser vítimas a Presidenta da Liga Saharaui para a Defensa dos DDHH e contra o Espolio dos Recursos Naturais así como as súas familiares. Por cuarta vez dende o inicio do arresto domiciliario as activistas denuncian ter sufrido agresións sexuais por parte de paramilitares marroquís, nunha clara mostra do que Laura Segato define como novas formas da guerra: “as novas formas da guerra, caracterizadas pola informalidade, despréganse hoxe nun espazo intersticial que podemos caracterizar como para-estatal (…). Nesa esfera de para-estatalidade en franca expansión, a violencia contra as mulleres deixou de ser un feito colateral da guerra e converteuse nun obxectivo estratéxico deste novo escenario bélico”. Trátase ademais dunha violencia que toma como terreo de combate o corpo das mulleres e como medio a violación e outras formas formas de violencia sexual.

Parafraseando a Silvia Federici, debemos ter en conta que neste escenario “a violencia contra as mulleres é un elemento esencial nesta nova guerra global, non só a causa do horror que evoca ou as mensaxes que envía, senón polo que representan as mulleres, capaces de manter unida á súa comunidade e defender concepcións non comerciais da seguridade e a riqueza”.

Así pois:

Condenamos rotundamente a violación sistemática de dereitos do pobo saharaui que se materializa dende a entrada de tropas marroquís en territorio saharaui en novembro do ano 2020, entre outros actos violentos, no arresto domiciliario e constantes agresións á activista Sultana Khaya e á súa familia.

Esiximos ao goberno español que condene a vulneración dos dereitos do pobo saharaui por parte do goberno marroquí e, no caso que nos ocupa, inste ás autoridades marroquís a liberar á familia Khaya do arresto domiciliario ao que está sendo sometida.

Esiximos ao goberno de España que, como autoridade administrativa responsable de asegurar a paz na zona e de guiar o proceso de descolonización do Sahara Occidental por parte de Marrocos, realice as acción pertinentes que conduzan ao abandono do exército marroquí dos territorios saharauis e o cese da violencia contra o pobo saharaui.

Que os feitos denunciados por Sultana Khaya dende o inicio do arresto domiciliario en novembro de 2020 sexan investigados polo Tribunal Penal Internacional.

Que a MINURSO (Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental) realice de forma efectiva o seu cometido e que se estableza un mecanismo de vixilancia que permita coñecer o estado de cumprimento de Dereitos Humanos que garanta a non violencia así como a celebración con garantías democráticas do referendo sobre a soberanía do Sahara Occidental.

 Galiza, a 8 de decembro de 2021

 

Dende AGAMME queremos destacar, asimesmo, que entre as persoas en arresto domiciliario se atopa un menor de idade de 12 anos que está sendo exposto ás constantes mostras de violencia e sendo testemuña dos ataques dirixidos contra a súa nai, tías e avoa. Desta forma queremos chamar a atención sobre a maneira en que se vulneran os dereitos de nenos e nenas por parte do ocupante marroquí.

 

A Vicecoordinadora de AGAMME, Lupe Ces, no Faladoiro sobre violencia vicaria organizado polo CIM de Pontevedra

Na tarde de hoxe, mércores 24 de novembro, a nosa compañeira e Vicecoordinadora de AGAMME, Lupe Ces Riobóo, participa nun acto conmemorativo do 25N organizado polo Centro de Información á Muller de Pontevedra. 

Baixo o título de “Faladoiros. Outras violencias machistas. A violencia vicaria” celébrase esta mesa redonda na que participan tamén Andrea Campos, promotora de igualdade e integradora social e Eylin Colmenares Aguilar, Presidenta de XTodas, coa moderación de Yoya Blanco Rial, Concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra.

AGAMME participa na consulta previa aberta polo Ministerio de Igualdade para modificar a lei de Violencia de Xénero

AGAMME vén de presentar perante o Ministerio de Igualdade as súas propostas para participar na consulta pública previa para a modificación da lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

A información completa pódese consultar na seguinte ligazón: 

https://artabra21.blogspot.com/2021/11/propostas-de-agamme-asociacion-galega.html

O documento está dispoñible no pdf que se adxunta:

PROPOSTAS AGAMME (cast)

Comunicado a raíz da sentenza do xulgado de Marbella que retira a custodia a unha muller por vivir “na Galicia profunda”


No día de onte, domingo 24 de outubro, varios medios de comunicación fixéronse eco da sentenza ditada por unha xuíza da cidade de Marbella a través da cal, en sentenza de medidas provisionais, lle retira a unha muller a custodia do seu fillo por considerar que as condicións de vida no seu lugar de residencia non garanten que o neno medre “nun ambiente feliz”. Segundo se extrae dos contidos da sentenza que transcenderon aos medios de comunicación, o motivo para dubidar da adecuación do lugar de residencia sería que se atopa no que a xuíza considera que é “a Galiza profunda”.
As entidades abaixo asinantes non podemos se non amosar a nosa máis absoluta repulsa ante este acto xudicial no que, segundo se desprende do recollido en prensa, se vulnerarían dereitos do neno e da nai en base a prexuízos ligados a un concepto estereotipado e pexorativo do rural galego, incumpríndose así o dereito fundamental enunciado no artigo 14 da Constitución. Do mesmo xeito, o auto amosaría unha absoluta ignorancia sobre a realidade xeográfica, cultural e demográfica do noso país. Ao respecto debemos dicir que a comarca de Noia se atopa a uns 30 minutos da capital de Galiza, que conta cunha densidade de poboación de 103 habitantes por km2 así como unha serie de núcleos urbanos nas súas proximidades que aseguran o acceso a todos os servizos necesarios. Non se pode falar, polo tanto de Galiza profunda, que faría referencia a municipios illados, con moi pouca poboación e dificultades para acceder a servizos.
Máis aló desta aclaración, asentar xudicialmente que os nenos e nenas de zonas rurais galegas non teñen garantidas as necesidades básicas por mor das características socioeconómicas e de distribución da poboación no noso ámbito xeográfico, significaría crear unha situación de vulnerabilidade para todos aqueles menores de idade residentes en municipios rurais, dado que se cuestionaría a capacidade dos seus proxenitores e proxenitoras para asegurar o seu benestar en base a un principio discriminatorio e non obxectivo.
Por este motivo consideramos imprescindible que os organismos públicos galegos publiquen nos próximos días declaracións institucionais ao respecto e realicen cantas accións estean na súa potestade para que se depuren responsabilidades e se garanta unha actuación da xustiza consonte ao marco de Dereitos Humanos e en especial da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena.


Ferrol, a 25 de outubro de 2021


AGAMME Asociación Galega contra o Maltrato a Menores
Sindicato Labrego Galego
Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo
Maternidades Feministas
Colectivo Feminista As Pontes
Asociación Cultural Fuco Buxán                                                                      Marcha Mundial das Mulleres
Alvixe
AGAFEM (Asociación Galega de Acollemento de Familia Extensa do Menor)
ASOCIM (Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller)

AGAMME e AGAFEM presentan queixa conxunta polas declaracións da Conselleira de Política Social sobre o aumento dos acollementos de menores en Galiza.

AGAMME E AGAFEM remitiron no día de hoxe, xoves 22 de abril, un escrito de queixa á Consellería de Política social por mor das declaracións realizadas pola Conselleira esta semana polo aumento dos acollementos en Galiza. A Conselleira relacionou directamente este incremento coa crise económica que está afectando ás familias polo contexto sanitario. Ao xuízo de ámbalas dúas entidades, AGAMME e AGAFEM, isto suporía un incumprimento da normativa vixente.
As entidades presentan unha serie de demandas coa fin de garantir que nenos e nenas galegas non son afastadas das súas familias por motivos estrictamente económicas, para o cal será necesario desenvolver políticas de apoio das familias específicas para a crise que atravesamos.
Outras das demandas presentadas teñen que ver coa discriminación en canto a apoio económico que sofren as familias acolledoras fronte aos recursos de acollemento residencial. Outro aspecto que salientan e a falla de transparencia en canto ao modo en que se bareman as contías por cada praza en centros de acollemento residencial, segundo as distintas variables, como poden ser a idade ou a existencia de necesidades específicas do neno ou nena. 
Piden tamén que a Xunta cree centros de menores de titularidade pública, de tal forma que o acollemento residencial en Galiza non dependa de entidades que se lucran coa prestación deste servizo.

Na balança, menores ou velhice? Por Lupe Ces.

Na balança, menores ou velhice?
 
A estas alturas ninguém nos pode ocultar que detrás da migraçom existem máfias e governos que a utilizam para premer, chantagear ou quitar estabilidade a zonas geo-estratégicas, tombar governos ou negociar com vantagem. O caso da fronteira mexicana é paradigmático. Ninguém, salvo que queira caminhar de olhos vendados, pode deixar de ver no êxodo migrante, unha historia de conquista e saqueio dos países de origem, por parte dos países recetores. Assumindo isto com toda a carga de profundidade que implica, da necessidade mesma de cambiar o sistema mundo, no aqui e agora cumpre pôr unha olhada urgente sobre as vítimas, e sobre essa moeda de cambio e chantagem que som os menores migrantes.
 
Nestes case dous anos de pandemia, como sucedeu ao longo da historia em momentos de crise, e esta é unha crise mundial, assistimos a um confronto sobre o modelo de sociedade. O debate público/privado, os direitos coletivos e individuais, a liberdade, e mesmo o valor da vida humana, envolvem este debate. Unha confrontaçom de ideias que nom está facilitada pola informaçom-lixo, ou as mentiras que se divulgam num fogo cruzado, onde saem exabruptos como a campanha onde se contrapom o gasto que supom o acolhimento dum menor migrante e o gasto dumha mulher de idade. Unha imagem tramposa que pretende que elejamos entre a vida e o bem-estar dum familiar e a vida dum menor. Sem dar-nos a oportunidade de sermos unha sociedade, com suficientes recursos para valorar a vida de todas e todos, para sermos unha sociedade de acolhimento e coidados.
 
Esta semana assistimos com horror na cidade de A Coruña à detençom dum grupo de pessoas acusadas da compra-venda dumha nena de 12 anos. As novas sobre violência contra menores, ou as cifras do aumento dum 30% de casos de menores tutelados pola Xunta durante a pandemia, estam indicando o rueiro por onde unha parte da sociedade, quere que transite o futuro de menores vindos ao mundo nunha situaçom de vulnerabilidade. Volvemos a partir, unha e outra vez, num grande Titanic onde nom hai suficientes barcos salva-vidas, na vez de construir barcos onde a velhice segura e a infância com direitos esteja garantida.
 
Lupe Ces Riobóo, Vicecoordinadora de AGAMME.

Enorme tristura en AGAMME pola perda dunha loitadora irreemprazable.

Dende AGAMME queremos expresar a inmensa perda que supón a partida de Paloma Rodríguez. Como política das que xa non abundan, a súa defensa dos dereitos das vítimas non quedaba na mera declaracións de intencións, senón que implicaba unha acción decidida e valente. Así foi como mantivo ata o final da súa vida o seu compromiso cos movementos sociais e nomeadamente co feminismo e cos colectivos de dereitos das vítimas de maltrato infantil e violencia de xénero.

Quédanos como única forma de honrar a súa memoria continuar esta loita coa súa fortaleza, ética e valor. 

Ata sempre, Paloma.

AGAMME remite aos grupos parlamentarios no Congreso dos Deputados os seus comentarios sobre as enmendas á LOPIVI

 

AGAMME diríxese aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados en relación ás enmendas á LOPIVI presentadas conxuntamente por PSOE e UP.
 
AGAMME chama a atención sobre o escaso interese dos partidos que conforman o governo para establecer un debate sobre algúns aspectos moi relevantes que os colectivos de defensa dos dereitos da infancia e de loita contra a violencia de xénero levamos reclamando dende hai anos.
 
En concreto, fai fincapé na necesidade de mellorar  as condicións nas que se realiza a recollida do testemuño infantil, respondendo ás obrigas que impoñen as Directivas Europeas ao respecto.
Sinálase ao mesmo tempo a necesidade de erradicar a práctica da suposta síndrome de alienación parental , para o cal o parágrafo que os grupos parlamentarios propoñen no documento de enmendas é absolutamente insuficiente.
 
Pedimos ademais que, coa fin de facer realmente efectivas as medidas para a erradicación da suposta síndrome de alienación parental do sistema xudicial, se establezan responsabilidades civís e penais daqueles profesionais que fagan uso da mesma e que se prohíban as accións que teñan como obxectivo a revinculación forzada de nenos, nenas e adolescentes con proxenitores cara aos que presenten rexeitamento.
 
No escrito que AGAMME dirixe aos grupos parlamentarios realízase unha forte crítica de que a modificación do domicilio habitual do neno e da nena dependa do consentimento de ambos proxenitores, dado que suporía un contexto de vulnerabilidade para as vítimas. Ao mesmo tempo consideramos grave que o incumprimento deste principio poida ser calificado penalmente como sustracción de menores, tal e como propón o Proxecto de Lei.
 
No escrito remitido aos grupos parlamentarios proponse regular que tan só poidan realizar labores de mediación profesionais acreditados a tal fin por parte da autoridade competente en materia de xustiza, coa fin de evitar que poidan actuar outros profesionais ou figuras que carecen de regulación normativa.
 
Por último, AGAMME advirte do perigo de que se inclúan na definición de situación de risco conceptos como “conflito familiar” ou situacións de violencia de xénero, pois aumenta a vulnerabilidade das vítimas.
 
 
Axúntase o texto completo

 

APOIO AO COMUNICADO E CONVOCATORIA DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN A RAÍZ DA ACTUACIÓN DA POLICÍA NACIONAL NA DETENCIÓN CON USO DA FORZA DUN MENOR DE IDADE, NUN CONTEXTO DE DISCRIMINACIÓN RACISTA.

 
Dende AGAMME queremos amosar o noso apoio ao comunicado feito público polo Foro Galego de Inmigración motivado pola detención de dous rapaces, un deles menor de idade, nun contexto de discriminación racista.
Apoiamos asimesmo a convocatoria de concentración para esta tarde, 20 de xullo, a partir das 20:00 h. na Praza do Obradoiro.
 
Texto completo do comunicado:
 
O Foro Galego da Inmigración e os colectivo Resistencia en Terra Alleia e Raias Traveseiras COMUNICAMOS: 
 
 
O día 10 de xullo ao redor das 7 da mañá, un grupo de catro rapaces (dous deles racializados) agardaban o bus para regresar aos seus fogares na parada da rúa da Rosa. A policía detívose diante deles e esixiu que se identificaran, dirixíndose unicamente aos rapaces racializados. Un deles, menor de idade, tentou explicar que tiña o documento na casa e que podía ir a por el ou tratar que alguén llo achegara.
 
A policía reaccionou de maneira prepotente, ignorando as explicacións do rapaz e pasando a detelo de forma violenta, aumentando o nivel de brutalidade cando o menor resístese a subir ao coche patrulla, por medo ao que lle puidera pasar en comisaría. Tal e como se pode ver nos vídeos difundidos por redes sociais o pasado fin de semana, gravados por un dos amigos do mozo agredido, a actuación da policía foi absolutamente desproporcionada e truculenta. De fato, nun determinado momento as persoas presentes comezan a berrarlles aos catro axentes que paren, que están a asfixiar ao rapaz, dado que lle agarran con grande violencia e lle oprimen o peito. O outro mozo racializado, maior de idade, tamén foi detido ao tratar de evitar que a policía seguise a facer dano ao seu amigo.
 
Aínda non sabemos cales van ser as consecuencias legais para estes dous mozos. Ambos foron levados á comisaria e lles tiveron unha hora e media detidos sen teren comunicación coas súas familias, contravindo os seus dereitos fundamentais, situación xa de por si grave e aínda mais cando se trata dun menor.
 
No Estado Español non é una sorpresa que se fagan redadas ou detencións por perfil étnico, Galiza tampouco é a excepción. Cando a policía, nun grupo mixto, decide identificar soamente as persoas racializadas, é racismo. Cando se cuestiona esta escolma e se xustifica polo principio de “perigosidade”, é racismo. Cando se fai uso da brutalidade policial para reter, danar, humillar e criminalizar a unha persoa, é racismo. Cando se vulneran os dereitos e a integridade dunha persoa pola súa cor de pele, maneira de vestir ou polo idioma que fala, é racismo. Cando deshumanizan os nosos corpos na rúa, ao volver para casa, indo a traballar, tomando algo nunha terraza ou facendo cola nun establecemento, é racismo, e é VIOLENCIA RACISTA ESTRUTURAL.
 
Este racismo que expande violencia polas nosas experiencias de vida e memoria colectiva está amparado polo sistema de dominación internacional. Un sistema controlado por gobernos, institucións e grandes empresas, incluíndo os medios de comunicación.
 
Tanto El Correo Gallego como La Voz de Galicia (e moitos outros xornais) son cómplices desta violencia ao difundir información falsa e malversar o relato sobre o sucedido o último venres. Nós, que coexistimos no mesmo territorio, queremos manifestar que a seguridade é algo que se acada garantindo condicións de xustiza e de trato digno e non discriminatorio para todas as pesoas que o habitamos. As identificacións por perfil étnico, as redadas racistas, a criminalización e persecución das persoas racializadas e/ou migradas, todo o cadro xurídico, a Lei de Estranxeiría e demais instrumentos represivos, acarean grande inseguridade e vulnerabilidade para as nosas vidas e das nosas familias.
 
Facemos un chamamento á co-responsabilidade do conxunto da poboación para garantir a seguranza das persoas migradas e/ou racializadas nas rúas e en todos os espazos. Se unha persoa branca non tivera gravado o vídeo, non poderiamos denunciar a esta agresión. Se unha persoa branca non lle tivese berrado á policía, este mozo podería estar na ampla lista de persoas asasinadas polo racismo, porque as nosas voces están eclipsadas e os nosos corpos deshumanizados.
 
Apelamos a todes a rachar con esta barreira e unirse á concentración que faremos o vindeiro luns 20 ás 20hs na Praza do Obradoiro contra a violencia racista, as súas ferramentas de poder e os medios de comunicación que sustentan e perpetúan o racismo.