Traducimos e incorporamos á web da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores a reportaxe “As cicatrices dos abusos sexuais”, de Beatriz G. Portalatín, publicada orixinariamente no xornal El Mundo, o 3 de xuño de 2013.

María prefire conservar o seu anonimato mais, a pesar diso, atrévese a contar que cando era unha adolescente sufriu abusos sexuais por un coñecido da súa contorna. “Paseino moi mal”, confesa. Pero hoxe, anos máis tarde, xa non ten medo. Refixo a súa vida despois dalgúns vaivéns de trastornos alimenticios e de ter que soportar algunhas secuelas das que pouco a pouco se foi desfacendo. Aínda queda aquel recordo suxo na súa memoria.

Din que non hai peores secuelas que as que deixa tras de si unha guerra, que estas son indestrutibles é, a veces, mesmo inmortais, pero as dun abuso sexual poden ser, e son en ocasións, equiparables a estas. Así o recolleu Judith Herman, profesora no Harvard Medical School, nun estudo publicado en “Trauma e recuperación”- que comparaba as secuelas de persoas que recibiran abusos sexuais coas dos soldados da guerra de Vietnam.

“Teñen que volver a reconstruír a súa autoestima, a confianza en si mesmos, e vencer os sentimentos de culpa e vergoña”, engade Pilar Polo, psicóloga da Fundación Vicky Bernadet contra o abuso sexual infantil en Barcelona. “Moitos preguntaranse cando alguén denuncia un caso de abusos anos máis tarde: E por que o conta agora, que consegue con iso? Pois consegue paz interior. Agora son quen de berrarlle ao mundo que foron vítimas”, explica.

A maoría, na contorna familiar

Nos últimos 10 anos, comenta esta especialista, pasaron pola Fundación catalá máis de 6.000 casos de abusos sexuais na infancia. “E aínda hai testemuños que continúan calados”, confesa.

Por iso, un dos aspectos que os expertos queren deixar claro é que os abusos sexuais existen, “que non hai que darlles as costas”, comenta Carmen Escudero, presidenta da Asociación para o Tratamento do Abuso e o Maltrato na Infancia (GARAITZA), en Bilbao. “O 90% dos casos ocorre na contorna familiar”, mantén. E ademais, non só suceden en familias desestruturadas ou de clase cun nivel socioeconómico baixo, como se tende a estereotipar, senón que pasa en todo tipo de familias e clases sociais.

Outro aspecto máis a ter en conta, engade Polo, é que “os abusos non só ocorren por parte dun maior, senón tamén entre iguais e estes son igual de graves que aqueles. Non son cousas de nenos”. Un neno que abusa doutro, explica, é porque, entre outras cousas, pode ter sido agredido tamén, ter visto contidos de violencia sexual na televisión ou ben porque simplemente está a probar cousas.

Consecuencias e prevención

Cando se sufriu un abuso sexual na infancia, expón Escudero, o comportamento futuro desa persoa en canto ao sexo pode derivar en dúas posturas moi diferentes: unha de total rexeitamento ao sexo e outra de promiscuidade (hai quen fará xirar a súa vida arredor do sexo, caendo mesmo en condutas de risco) porque se “confunde amor con sexo”.

Estas alteracións da sexualidade poden traballarse e solucionarse con psicoterapia, pero o problema é que se se acode de adulto, o cambio custa máis, “mentres que se se trata ao afectado nos primeiros anos posteriores ao abuso as secuelas son ser mínimas ou nulas”, explica Margarita García Marqués, psicóloga de Asociación para a Sanación e Prevención de Abusos Sexuais na Infancia (ASPASI) en Madrid.

Por outro lado, “se se traballase coa prevención, reduciríanse os abusos a menores nun 50%”, confirma. É moi importante observar, estar pendente de se o neno ten comportamentos que non son os habituais nel. A maioría dos nenos, segundo explica esta especialista, ocúltano e só amosan pequenos signos que hai que aprender a descifrar.

Algúns destes síntomas que se relacionan con ter recibido un abuso son: que o niño empece a falar de cousas sexuais (algo que non é propio desa idade), que amose agresividade, intranquilidade, o que estea apagado ou murcho.

O niño que está a padecer un abuso sexual ten un contacto temperán co sexo a unha idade que non corresponde, polo que “a prevención e detección temperá é moi importante para o seu futuro -desde ASPASI realízanse charlas a pais e profesores para lles ensinar a detectar isto-“, sinala esta psicóloga.

En canto ás secuelas que pode ter o abuso nos adultos, danse varias situacións posibles. Aqueles con secuelas mínimas porque a súa contorna creu neles cando o contaron, durou pouco, e tiveron apoio. Segundo, os que teñen secuelas graves como enfermidades mentais, que non sempre se dan. E por último, un terceiro grupo formado por aquelas persoas que teñen un malestar suficiente para que a súa calidade de vida non sexa boa, como ansiedade, fobias, dificultades para se relacionaren, etc. Outras consecuencias poden ser: trastornos alimentarios, consumo de alcol, drogas ou outras adicións, autoagresións, etc. Pero, “cada caso é diferente”, insiste.

Delitos que prescriben

Na década dos 80, acudir a denunciar un delito de abusos sexuais era como caer en saco roto. Hoxendía, ao contrario do que podemos pensar, as cosas non mudaron  tanto porque os delitos prescriben. Así, asegúrao Escudero: “O abuso sexual como delito ten un tempo de prescrición, polo tanto, moitas veces cando queres ir denunciar, xa non podes”. Cando unha persoa superou ese momento de amnesia e pode recordar o sucedido e enfrontarse por fin a declarar este abuso, pode que xa prescribise. “As leis deben e teñen que mudar neste senso, é fundamental estar resgardados contra este tipo de agresións”, manteñen os expertos.

Pero disto sáese. Esa é a mensaxe que os especialistas queren berrar á sociedade. Porque, insisten, a vítima sempre é vítima e non está soa: “podes volver a recuperar a túa vida en todos os sentidos”, conclúen os expertos.

Para ler o artigo orixinal, prema neste enlace: http://www.elmundo.es/elmundosalud/2013/06/03/noticias/1370241839.html

 

http://www.aspasi.org/

“O 90% dos abusos sexuais prodúcese na contorna familiar”