O Partido Socialista Obreiro Español vén de presentar no Congreso, o pasado 4 de xuño, unha Proposición de Lei para reforzar a protección dos e das menores fronte aos delitos de violencia de xénero. A iniciativa, elaborada en colaboración de distintas asociacións feministas, prodúcese, en palabras da portavoz socialista Soraya Rodríguez, nunha “situación gravísima de terrorismo machista, na que lamentabelmente asistimos a un número crecente de mulleres asasinadas” e diríxese, nomeadamente, a evitar “algúns casos dramáticos que finalizaron co asasinato de menores a mans dos seus proxenitores en procedementos de separación, nulidade ou divorcio dentro dunha situación de violencia de xénero”.

Os fillos e fillas das familias nas que se sofre a violencia de xénero están expostos aos danos e riscos que padecen as súas nais e, a pesar das previsións legais, os fillos e fillas, tantas veces no epicentro do fenómeno da violencia de xénero, sofren directamente o seu impacto.

“España conta cunha Lei das máis avanzadas da nosa contorna, a Lei integral contra a violencia de xénero, que protexe tamén aos menores fillos das vítimas”, afirmou Soraya Rodríguez. Mais á vista dos datos alarmantes de mulleres asasinadas e do entorno de violencia no que se atopan moitas persoas menores, “quixemos desenvolver determinados aspectos da Lei para reforzar o noso ordenamento xurídico co obxectivo de dar unha mellor resposta a esta situación de risco que poden sufrir os fillos e fillas das vítimas de violencia de xénero”.

Efectivamente, no Estado español existe un marco legal que tutela penalmente o interese e a seguridade dos fillos e fillas menores que padecen a violencia de xénero no seu núcleo familiar. Pero a casuística soborda case sempre a previsión do marco legal, que por esa razón merece ser reforzado e ampliado, a xuízo das portavoces socialistas.

Garda e custodia e réxime de visitas

Para isto, o Grupo Socialista propón a modificación de varios artigos do Código Civil, da Lei de Enxuizamento Criminal, da Lei Orgánica do Poder Xudicial e do Código Penal. Entre outras cuestións estabelece que os xuíces poidan suspender a garda e custodia e o réxime de visitas dos fillos e as fillas cos pais imputados ou inmersos nun procedemento penal por violencia de xénero. De feito se nun proceso de separación, nulidade ou divorcio detéctanse indicios suficientes e racionais de que poida estar en presenza dunha situación de violencia de xénero, aínda que non se iniciase o procedemento por parte da vítima, poderase adoptar esta suspensión cautelar, ou en caso contrario, razoar por que entende que non hai risco para o menor.

Asimesmo, proponse que o quebrantamento das condenas dos maltratadores, das medidas de seguridade e das medidas cautelares, sexan coñecidas polos xulgados de violencia de xénero xa que, “vimos desgrazadamente como en situacións de quebrantamento destas medidas de seguridade, destas penas de condena, producíronse asasinatos, e estas situacións supoñen un enorme risco para a vida e integridade da vítima”.

Igualmente, o Partido Socialista pretende estabelecer que os delitos de violencia de xénero non estean circunscritos á “proba diabólica” do ánimo de dominio do maltratador á vítima, posto que isto “produce unha clara indefensión para as vítimas”, xa que se non son capaces de probar esa situación de dominio co que “o delito queda nunha simple falta e estariamos a desprotexer a vítima e tamén os menores”.

A portavoz socialista mostrou o “enorme convencemento de que temos que seguir o camiño da Lei integral contra a violencia de xénero, non apartarnos dela como tenta facer o Goberno co anteproxecto de reforma do Código Penal, que supón un retroceso moi claro na resposta penal que até agora viñemos dando”, denunciou. “Aí non se pode dar un só paso atrás, un só recorte”, engadiu.

O PSOE presenta unha Proposición de Lei para reforzar a protección de menores en casos de violencia de xénero