As III Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia. Pobreza e violencia estrutural da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), tiveron lugar os días 6 e 7 de xuño no Ateneo Ferrolán e contaron coa participación de relevantes expertos e profesionais que afondaron na perda de dereitos da infancia no actual contexto de crise económica e violencia estrutural. A continuación resumimos o contidos dos relatorios, cos audios completos das intervencións e os vídeos da emisión en streaming realizada a través da nosa canle de youtube.

A xornada do venres día 7 contou con catro relatorios que, dende un puntos de vista teórico, describiron o actual panorama social que afecta aos dereitos dos menores. En primeiro lugar, a coordinadora de AGAMME, Estrela Gómez, resumiu o contido e propósitos das Xornadas que, máis aló da súa finalidade informativa, pretende consituirse como un espazo de referenza para o encontro e a confección de redes que relacionen a profesionais, expertos e cidadanía interesados na protección dos dereitos da infancia.

Presentación das Xornadas en audio:

Análise económico-política actual

Os relatorios encetaron coa intervención de Diego Costoya, membro do xornal marxista El Militante e, asemade, traballador de Navantia e  representante do Sector Crítico de CC.OO. na comisión executiva do Sindicato Comarcal de Industria de Ferrol. Costoya achegou diversas claves para, dende unha perspectiva de clase, sermos quen de interpretar a actual situación de crise sistémica.

Audio do relatorio de Diego Costoya:

Intervención en vídeo:

Que é a violencia?

A segunda intervención, da que non temos rexistro en audio ou vídeo, correu a cargo de David Álvarez, profesor da Universidade de Vigo nas titulacións de Traballo Social e Educación, investigador da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía de Portugal (FCT) e membro permanente do grupo de Teoría Política da Universidade do Minho (Braga). A súa intervención analizou os distintos contextos de atribución de responsabilidades individuais e colectivas, privadas e publicas e a súa función na lexitimación dunha política de recortes que produce unha distribución altamente desigual da presión social. A tese principal da intervención de Álvarez é que estas condicións xeran unha profecía autocumprinte que lexitima a política de recortes, de maneira que os grupos que manteñen o seu estatus converten previos niveis de dereitos universais en privilexios sociais, namentres os que perden recursos sociais sofren unha atribucion de responsabilidade individual pola súa situación. Finalmente a invisibilización destes factores baixo unha ideoloxía meritocrática da excelencia e sacrificio lexitima a privatización de servizos de acordo con redes de mutualidades excluíntes que aumentan a fragmentación social e incrementan a irresponsabilidade dos xestores públicos.

Centros ou cárceres de menores?

En terceiro lugar contamos coa presenza de Fernando Blanco, avogado e membro de Esculca. Observatorio Galego dos Dereitos Humanos, quen falou dende a súa experiencia persoal e profesional dos centros de menores, equiparando certas prácticas desenvolvidas neles coa lóxica das políticas penitenciarias.

Audio da intervención de Fernando Blanco:

Vídeo do relatorio:

Transmisión xeracional da pobreza en Galiza

Para rematar o primeiro día das Xornadas, contamos coa intervención de Santiago González Avión, sociólogo da Asociación Diversidades, experto en exclusión social e autor, entre outras obras, do volume “Abrente incerto. Pobreza, dereitos e desenvolvemento en Galicia hoxe” (1998), “O Voluntariado Social” (2001) e “O chabolismo en Galicia” (2007). González Avión botou man das estatísticas oficiais para non só afondar no desigual reparto da riqueza da nosa sociedade, senón tamén para ofrecer claves importantes que permiten analizar correctamente os datos demográficos oficiais.

Audio da intervención

Vídeo do relatorio de Santiago González Avión:

Resumo e documentos das III Xornadas de AGAMME. Día 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*