Segundo os datos de Eurostat, que recolle o último informe sobre pobreza infantil da ONG Save the Children, un total de 2.500.329 nenos e nenas do Estado español viven en fogares con ingresos baixo o umbral de pobreza relativa, o que supón un 29,9% da poboación infantil do país. Os responsables de Save the Children denuncian que a crise e os recortes dispararon tamén as cifras de menores en risco de pobreza ou exclusión social: “Os dereitos de 2.826.449 menores están en perigo”.

Alberto Soteres, director de Save the Children, afirma que, tras as cifras e porcentaxes, hai efectos directos na vida cotiá dos nenos e nenas: “Temos 2.826.449 razóns para pór en marcha a nosa campaña “E a min, quen me rescata?”. A campaña, froito do traballo de Jorge Martínez, enfatiza os contrastes que se plasmaron nesta crise económica. Mentres o Estado e as autoridades europeas rescataban con millóns a bancos e caixas de aforros, as familias caían nunha espiral de pobreza e precariedade que empeora polos “recortes da Administración, como a redución das axudas para libros de texto e a exclusión dos inmigrantes irregulares da sanidade pública”, apunta Áurea Ferreres, responsable de Incidencia Política, Sensibilización e campañas da organización.

Responsabilidade do Estado

Soteres lembra que “o Estado é o responsable de garantir os dereitos dos nenos recoñecidos na Convención sobre os dereitos do menor de Nacións Unidas”. Por tanto, a ONG engade no seu informe unha serie de recomendacións para que a Administración outorgue á pobreza infantil os recursos que require. “As medidas estatais son insuficientes. Non hai máis ca mirar as cifras de Eurostat: a porcentaxe do PIB destinado a políticas de protección social é do 25,19%, 3,7 puntos por baixo da media da Unión Europea”.

As axudas sociais móstranse insuficientes na súa incidencia sobre a taxa de menores baixo o umbral de pobreza relativa. A pesar de que a porcentaxe se reducía entre 2011 e 2012 antes de aplicarse a cobertura social -dun 39 a un 38,6%-, a taxa finalmente aumenta una vez recibidas as transferencias sociais, dun 29,5 a un 29,9%. Segundo Ferreres, o Estado debera reconsiderar os criterios que inclúen a un cidadán dentro dun plan de cobertura social.

Os menores sofren a pobreza cando non son responsables da crise que a provoca. As familias están a deixar atrás os seus proxectos e ilusións”, sinala Ferreres. A campaña está tan ligada á crise económica porque é unha realidade que non se pode separar da pobreza: “A pobreza infantil era un problema estrutural en España, que non se reducía dun 20%. Porén, a crise disparou o problema. De 2006 a 2009, a taxa de nenos en risco de padecer pobreza relativa baixaba ata situarse no 26,2%. Desde o 2010, o dato aumentou ano tras ano ata o actual 33,8”.

Pódese consultar o informe “2.826,549 razóns. A protección da infancia fronte á pobreza: un dereito, unha obriga e un investimento”, premendo aquí.

Un terzo dos menores no Estado español vive en risco de pobreza ou exclusión social