O Estado español podería estar a vulnerar a Directiva 2011/92/UE, relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil, e a Directiva 2012/29/UE, pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos. Así o asegurou este mércores pola tarde na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a representante da Comisión Europea que estivo a analizar a queixa formulada por un grupo de asociacións no 2015 a este respecto.
A CE ven de darlle a razón ás peticionarias, asegurando que mentres a Directiva Europea impón aos Estados membros a obriga de protexer aos menores vítimas nas investigacións e nos procesos penais, a normativa española establece simplemente “posibilidade”, o que crea “unha fonte potencial de non conformidade”. A CE tamén observa que “podería haber unha posible aplicación indebida do interese superior do neno ou nena como unha consideración primordial, incluída a suposta aplicación da Síndrome de Alienación Parental (SAP), a suposta falta de credibilidade da declaración do menor vítima e a suposta falta de asistencia psicolóxica ás menores vítimas sen o consentimento do pai e a nai”.
Neste sentido, e co obxectivo de clarificar a situación e tomar as medidas necesarias para corrixir estas posibles irregularidades, a CE vai iniciar un seguimento da situación no Estado español e enviará unha carta ás autoridades para solicitar todo tipo de información ao respecto. Co obxectivo de exercer unha maior presión, tamén a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo enviará unha carta ás autoridades españolas amosando a súa preocupación.
Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), que foi unha das persoas que asinaron esta petición no 2015, trasladouse hoxe a Bruxelas para defender verbalmente a queixa contra o Estado español na Comisión de Peticións. Gómez Viñas amosou a súa satisfacción pola resposta da CE. “Para nós, como entidades que traballamos con casos moi delicados, é moi importante poder avanzar neste sentido, atopar unha vía para que se poña sobre a mesa e se investigue o que está pasando na xustiza española con estes casos. E fai falta certa celeridade porque son situacións moi complicadas as que atravesan nenos, nenas e as súas familias”, reclamou.
Na liña, a eurodeputada galega Lídia Senra, que estivo acompañando ás peticionarias durante todo o proceso desde que no 2015 presentaron a petición, tomou a palabra esta tarde na Comisión de Peticións para instar á CE e ao Parlamento Europeo a ir incluso máis alá e afondar en facer unha revisión crítica de como se están aplicando toda a normativa no Estado español en materia de igualdade, violencia e abuso sexual. “Moitas veces chegamos a esta situación de posibles vulneracións dos dereitos das vítimas e dos menores porque se está usando un sesgo machista na aplicación de toda esta lexislación”, asegurou a europarlamentaria. “É necesario abordar o SAP que se está empregando na xustiza española e tamén buscarlle unha solución á falta de persoal con formación suficiente para atender ás vítimas”, reclamou Senra.
Segundo datos aportados por Estrela Gómez Viñas durante a súa intervención, con cifras recollidas polo propio Consello de Europa, 1 de cada 4 nenas e 1 de cada 6 nenos sofre abuso sexual no Estado Español e no resto de países europeos. Polo menos o 80% destes nenos e nenas son agredidos no seo da súa familia. “O abuso sexual incestuoso é o delito máis invisible”, dixo, xa que se estima que só chega aos tribunais entre o 3 e o 5% dos casos e aínda así, esta “mínima parte de casos denunciados” atopan frecuentemente “barreiras que lle dificultan ás vítimas lograr unha xustiza efectiva”.
Gómez denunciou que os principios básicos que enuncia a Directiva Europea 2011/92 “foron insuficientemente traspostos á normativa española, o que se traduce en que a recollida da testemuña da vítima continúa caracterizándose pola súa opacidade (aínda que sexa gravada, a copia non adoita ser accesible ás partes), pola súa falta de adaptación ás características e necesidades da vítima, polo forte impacto que causa aos nenos e nenas e pola súa ineficacia”. “Os operadores xurídicos parten da presunción de falsidade da vítima, cando os instrumentos de avaliación da testemuña serven unicamente para verificar o relato. Isto, ligado á falta de formación para interpretar o relato e o comportamento do neno ou nena conduce demasiadas veces ao falso negativo”, denunciou. “Existe discriminación por xénero debido ao sesgo que atravesan os procedementos cando é a nai quen denuncia e o pai o acusado. A xustiza española utiliza a teoría misóxina e non aceptada cientificamente do suposto SAP, como base para ditar sentenzas e decidir sobre a vida de nenos e nenas vítimas. E utiliza a terapia da ameaza para coaccionalos coa fin de conseguir reprimir a resposta de rexeitamento cara a quen sinalan como agresor: cambio de custodia, ingreso en centro de menores, suspensión da comunicación coa nai, etc.”, dixo.
Tanto Estrela Gómez como Lídia Senra agardan que a Comisión faga o seu traballo para que o Estado español corrixa as deficiencias do sistema, en especial na atención a vítimas de abuso sexual no ámbito xudicial, facendo constar con claridade na normativa prazos de intervención, medidas para adaptar o procedemento ás necesidades de cada nena ou neno, perfís profesionais mínimos, características materiais e tecnolóxicas das salas de entrevista e das salas de espera. Tamén reclaman que se tomen as medidas oportunas para que deixe de ser posible a aplicación da suposto síndrome de alienación parental, tanto como base para refutar a validez da testemuña do neno ou nena como para a adopción de medidas en vía civil. E tamén que se regule o acceso das vítimas a atención psicolóxica independentemente de que o proxenitor acusado dea ou non o seu consentimento; e que se avalíe o funcionamento e coordinación dos organismos implicados, pois non se trata de conseguir un logro formal, senón de promover un cambio profundo na maneira de entender a investigación e enxuizamento do abuso sexual.