A Defensora do Pobo, Soledad Becerril, presentou nas Cortes Xerais o estudo “A escoita e o interese superior do menor: Revisión xudicial de medidas de protección e procesos de familia” que analiza se os menores son axeitadamente escoitados nos procedementos xudiciais que os afectan, se as súas opinións se toman en conta e se se respecta o seu interese superior, como establece a Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno.

O estudo, que contén 17 recomendacións dirixidas á Secretaría de Estado de Xustiza e á Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, analiza dous procesos concretos nos que pode haber menores implicados: os de oposición a medidas de protección (fundamentalmente sobre declaracións de desamparo) e os de familia (separacións e divorcios).

Unha conclusión do estudo é que a lexislación española contempla a fórmula “dereito a ser ouvido”, mentres que a Convención pon o acento na “escoita”, concepto máis esixente que implica que, ademais de atender ao ouvido, hai que xustificar e razoar os motivos que levan a apartarse do manifestado polo menor.

Aínda que o dereito do menor a ser escoitado e a que as súas opinións se tomen en conta debe entenderse como un principio esencial para determinar cal é o seu mellor interese, as normas procesais non detallan a forma na que debe exercitarse o dereito de audiencia. O Defensor do Pobo constatou unha tendencia a trasladar ao menor que a súa opinión non ten peso na resolución finalmente adoptada.

O estudo recomenda que se eliminen os criterios de idade e que se  supoña aos menores capacidade suficiente para ter un xuízo propio, salvo que un informe técnico do equipo psicosocial, adscrito ao xulgado, acredite a súa falla de madurez.

Avogados de oficio

A Institución propón tamén que se facilite aos menores un avogado de oficio para que, con independencia dos seus proxenitores ou titores, poidan facer valer as súas opinións en procesos que lles afecten. O avogado de oficio axudaría a suplir algunhas das carencias detectadas na información que se dá aos menores e aseguraría a comunicación do menor co xuíz e o fiscal.

Para os procesos de familia, a Institución pide que se poida nomear un defensor xudicial cando o fiscal e o menor discrepen sobre o que convén ao seu superior interese. O estudo tamén recomenda que se comunique ao menor a resolución xudicial adoptada naquilo que lle afecte e que se lle abran vías de recurso.

Asimesmo, a Defensora do Pobo recomenda que se reduzan os actuais tempos de tramitación nos procedementos de oposición ás medidas administrativas de protección. En caso de non ser posible, a Institución propón cambiar o actual modelo por un sistema de exame e ratificación xudicial obrigatorios das decisións administrativas.

Para a realización deste traballo, o Defensor do Pobo contou coa colaboración de xuíces, fiscais, avogados e representantes dos equipos psicosociais adscritos a órganos xudiciais que participaron en catro xornadas de reflexión na sede da Institución en outubro de 2013. Tamén participaron  representantes da Plataforma de Infancia, alianza que agrupa a maioría de  entidades que traballan neste ámbito.

Pódese descargar o informe completo premendo aquí.

A Defensora pide avogado de oficio para facer valer as opinións de menores en procesos xudiciais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*