AGAMME ante a reunion de Pedro Sánchez e a ministra de xustiza, con Save The Children e o pianista James Rhodes. A Lei Integral Contra a Violencia cara á Infancia no horizonte.
A situación de vulnerabilidade das crianzas, garda relación coa febleza e incipiencia do movemento na defensa dos Dereitos da Infancia. Un movemento que ten como reto a dificultade da autoorganización  do propio suxeito do movemento, as crianzas. É por iso que cada vez que unha iniciativa, por pequena que sexa, aparece no camiño como oportunidade para avanzar, non queda outra que parabenizarse.
Este é o caso do efecto que produciu, e mesmo que poda producir, a figura mediatica de James Rhodes, vítima de agresións sexuais continuadas na infancia, redactando unha carta e conseguindo unha entrevista co Presidente do Goberno e a Ministra de Justicia Dolores Delgado, co acompañamento de Save The Children. Unha carta e entrevista que centrou por uns días o interese mediatico nun dos problemas máis agochados da nosa realidade, a violencia contra a Infancia, e o tabú de todos os tabús, o abuso sexual de menores e a resposta institucional ante estes delitos.
AGAMME, ante a posibilidade de que no mes de setembro comece unha iniciativa para a aprobación dunha Lei Integral Contra a Violencia cara á Infancia, quere manifestar:
1º Que a iniciativa debera recoller as propostas de asociacións e profesionais que levamos traballando neste campo, levando adiante iniciativas como a que conseguiu que se abrise unha investigación por parte da Comisión Europea, sobre a praxe xudicial no estado español en relación, entre outras, aos nenos, nenas e adolescentes vítimas de violencia sexual.
2º Que o goberno español debe comprometer enerxía e orzamentos, non só para promover e aprobar a lei, senón para desenvolvela e facela cumprir.
3º Que paralelamente á redacción e aprobación da lei, debe impulsar iniciativas que comecen a paliar os danos que a mala praxe xudicial infrinxe sobre as crianzas vítimas de violencia sexual e as súas familias, maiormente nais, froito da aplicación do SAP, inexistente Síndrome de Alienación Parental; aplicación da terapia da ameaza; falta de formación de funcionariado, operadores xudiciais e resto de profesionais que interveñen no proceso, ou a falta de medios (cámaras Gesell..) Trátase de comezar a aplicar, por exemplo, medidas como as que propón a UNICEF, publicadas no 2013, na “Guía de Boas Prácticas para a abordaxe de crianzas e adolescentes vítimas ou testemuñas de abuso sexual e outros delitos”
Desde AGAMME facemos un chamamento aos movementos sociais, e ás organizacións e redes de profesionais para que podamos converter esta oportunidade que se abre, nunha realidade de avance na defensa dos dereitos das crianzas.
Galiza, 7 de xullo de 2018.
AGAMME ante a reunión do executivo con Save the Children e James Rhodes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*