AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores) condena a actuación dun xulgado de primeira instancia de Cartagena que entregou a custodia dunha nena de catro anos a seu pai, contra o que permanece aberto un procedemento por abusos sexuais cara á pequena.

O xulgado actuou con urxencia na retirada da custodia á nai da nena, facendo referencia a un suposto trastorno de personalidade. Ao respecto, AGAMME quere deixar constancia da irregular actuación do xulgado, pois ningunha avaliación de saúde mental concluíu que a muller padeza trastorno algún e no procedemento non participou ningún profesional de saúde mental.

AGAMME destaca a gravidade da decisión xudicial, contradicindo o indicado polo xulgado de instrución respecto á necesidade de protexer a indemnidade sexual da nena. Non só non se protexeu á pequena senón que foi entregada baixo o coidado único do seu presunto agresor.

Obsérvase no comportamento do xulgado, así como dos-as profesionais que informaron no procedemento, un posible sesgo xenófobo ao pretender aplicar o concepto ideolóxico e non científico da suposta síndrome de Ulises, dada a procedencia peruana da nai da nena.

AGAMME denuncia que esta forma de operar do sistema xudicial ante os abusos incestuosos cometidos por proxenitores non é unha excepción, senón máis ben un patrón. Este é un caso máis no cal a aplicación da terapia da ameaza (como parte da suposta síndrome de alienación parental, sap) empurrou ao sistema a producir sobre a xa danada vítima unha ferida engadida, a da vitimización institucional.

AGAMME solicita a participación de todos os organismos públicos competentes e as organizacións de dereitos de infancia e de dereitos da muller a promover a redacción dunha declaración institucional como punto de partida para a erradicación desta práctica e permitir o acceso efectivo á xustiza ás vítimas de abusos incestuosos a mans dos seus proxenitores.

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME)Captura de tela de 2016-03-28 23-24-10

AGAMME denuncia a entrega da custodia dunha nena de Cartagena a seu pai, acusado de abusos sexuais

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*