O pasado 4 de agosto coñeciamos a decisión do Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller de condenar o Estado español por non ter actuado de maneira dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, unha muller vítima de violencia de xénero, e a súa filla Andrea, que foi asasinada polo seu pai durante o réxime de visitas en 2003.
A raíz da análise dos tráxicos feitos denunciados polo organismo comunitario, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) presenta un texto analítico, adxunto ao remate deste texto, no que quere resaltar que este caso, lonxe de tratarse dunha excepción, sitúase como un paradigma das carencias na atención á infancia maltratada do Estado español. A pé feito dos datos concretos que remataron co asasinato de Andrea, o texto de AGAMME analiza os atrancos estruturais que se están a atopar os menores vítimas de maltrato ou abuso neste país, así como os familiares que tentar velar polos seus dereitos: falta de especialización dos profesionais que atenden aos menores vítimas, carencias na coordinación das distintas áreas da Administración, escasa sensibilidade do sistema xudicial, son algúns dos lugares comúns detectados dende AGAMME. A asociación salienta, asemade, que os continuos intentos da nai da menor, Ángela González, ao esixir responsabilidades pola morte da súa filla fosen ignorados nas distintas instancias da Administración e tivese que ser un organismo internacional quen, once anos despois, faga xustiza.
Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores esíxese á Administración que asuma as responsabilidades correspondentes no caso de Andrea e, ao tempo, tome as medidas necesarias para que as carencias denunciadas pola ONU non volvan ter lugar.
Accede ao texto íntegro premendo en galego aquí ou en español nestoutro enlace.