As III Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia de AGAMME, que se celebraron a pasada fin de semana no Ateneo Ferrolán, contaron entre outros interesantes relatorios coa intervención do sociólogo Santiago González Avión, que nos falou da transmisión xeracional da pobreza en Galiza. Deixamos a continuación o comentario sobre as Xornadas que vén de publicar no seu blog Abrente Incerto. Nos vindeiros días subiremos á páxina toda a información relativa ás Xornadas.

“Participei onte, en calidade de relator, nas III Xornadas sobre o maltrato á infancia e á adolescencia, organizadas por AGAMME, na sede do Ateneo Ferrolán, que fixo de anfitrión.

Lonxe de encomendar o contido da xornada e un persoeiro dos que enchen auditorios, AGAMME optou por ofrecer un concerto polifónico para abordar os aspectos económicos, sociais, políticos, xurídicos e mesmo conceptuais arredor das teorías de violencia e a realidade do empobrecemento da infancia, que correlaciona de forma directa coa violencia.

Poñendo no centro a preocupación pola forma en que os actuais problemas sociais afectan á infancia, abordamos o que en tempos chamabamos violencia estrutural. E, aínda que os tempos mudaron e, necesariamente, debemos dotarnos de marcos conceptuais novos, non está de máis volver sobre os vellos conceptos que trataban de restaurar a dignidade humana desde unha análise dos conflitos existentes nas sociedades desde o punto de vista da vítimas. Porque hai menores aos que se lles nega o dereito a ser nenos e, a un tempo, algúns dos dereitos básicos que teñen como persoas. E hai outros aos que, simplemente, se lles está a negar o futuro, que debería estar recollido como un dereito inalienable de calquera persoa.

Para min, foi unha sorte poder coincidir con Fernando Blanco, de Esculca, e con David Álvarez, da Fundação para a Ciência e Tecnologia da Universidade de Minho en Braga.

Parabéns a AGAMME pola iniciativa e ánimo para o Ateneo Ferrolán por esa loita de manter viva a cultura e a memoria aínda que non sopren os mellores ventos nos tempos en que andamos.”

Publicado orixinalmente en: http://santiagogonzalezavion.wordpress.com/2014/06/07/xornadas-de-agamme-sobre-o-maltrato-a-infancia-e-a-adolescencia/

A intervención nas Xornadas de Santiago González Avión en power point: http://santiagogonzalezavion.wordpress.com/2014/06/08/pobreza-infantil-e-transmision-da-pobreza/

As Xornadas de AGAMME, por Santiago González Avión

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*