Coincidindo coa sinatura en 2010 do Convenio do Consello de Europa para a proteción dos nenos e das nenas contra a explotación e o abuso sexual (Convenio de Lanzarote), desenvólvese dende o ano pasado esta campaña que pretende promover a investigación e o estudo por parte dos estados membros sobre a realidade da violencia sexual de tal modo que se poidan desenvolver estratexias de prevención e proteción da infancia e a adolescencia fronte esta forma de maltrato. O outro obxectivo fundamental do Convenio é a unificación das lexislacións dos estados membros co fin de mellorar a capacidade para a erradicación do abuso sexual e a explotación sexual infantil.
O título da campaña alude ás estatísticas sobre abuso sexual, a partir de diversos estudos, especialmente os que se realizan sobre poboación adulta respecto a vivencias acaecidas na súa infancia e adolescencia. Segundo estas cifras arredor dun vinte por cen dos nenos e nenas sufren ao menos un episodio de abuso sexual na súa vida. “1 de cada 5” pretende facer máis visible e próxima esta realidade. Como obxectivo final, acadar o “0 de cada5”.
A Federación de Asociaciones para la Prevención del Maltrato Infantil (FAPMI) propuxo para o desenvolvemento desta campaña un conto e un material didáctico para educadores e educadoras. A guía pode ser empregada tanto no ámbito familiar como escolar e pretende ofrecer unha ferramenta para mellorar a capacidade dos nenos e nenas dende idades temperás para recoñecer as situacións de violencia sexual, así como a habiliadade para protexerse ante as mesmas e pedir axuda. O conto ten por título “Kiko y la mano” e presenta unha norma sinxela e clara: ninguén pode tocar a un neno ou a unha nena nas zonas do corpo que adoitan estar baixo a roupa interior. Complétase a proposta coa elaboración do conto a través dunha curtametraxe de animación.
Unha das cuestión que se sinalan na proposta de FAPMI é a necesidade de formación dos/das profesionais dos ámbitos máis directamente relacionados coa infancia e a adolescencia arredor do abuso sexual, de tal maneira que se poida mellorar a capacidade de deteción así como a resposta ante as situacións que se poidan presentar. AGAMME é totalmente coincidinte con esta idea e así o vén facendo constar en tódalas comunicación ante a prensa e a administración. O coñecemento é a única ferramenta válida para loitar contra preconceptos erróneos pero fortemente asentados que impiden a miúdo unha resposta eficaz das institucións implicadas.
Na actualidade a nosa asociación está a facer xestións para poder realizar a tradución do material da FAPMI ao idioma galego. Desta maneria poderemos contribuír á difusión en Galiza da campaña do Consello de Europa así como do Convenio de Lanzarote.
A información sobre a campaña e o material de FAPMI están dispoñibles nas seguintes páxinas web:
Web xeral da Campaña do Consello de Europa
Web en castelán sobre a Campaña