A Asociación Galega Contra o Maltrato a Menores (AGAMME) presentouse ante a cidadanía e os medios de comunicación coa celebración das Primeiras Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e Adolescencia, en dúas sesións de reflexión e análise sobre a situación dos menores no noso país.

O acto, que reuniu varias ducias de persoas na Casa Solidaria de Ferrol, encetou o venres 7 de outubro coa presentación por parte de Estrela Gómez, coordinadora da asociación, dos obxectivos fundacionais e primeiras actividades de AGAMME. De seguido, proxectáronse dúas pezas cinematográficas que atinxían a problemática social do maltrato a menores: “As cores do frío”, do galego Anxo Cendal, e “A infancia espida”, do francés Maurice Pialat.

Estrela Gómez presenta a asociación aos asistentes

A continuación houbo espazo para a música de María Manuela, acompañada á guitarra por Xurxo Varela. Xuntos interpretaron as súas “Cancións para nenos e neneiros”, título do disco que a artista local publicara en 1979.

Xurxo Varela e María Manuela cantan a nenos e neneiros

Na xornada do sábado 8 de outubro houbo espazo para o debate e o intercambio de impresións cunha mesa redonda na que interviñeron por primeiro Laura Cruz, Profesora da Universidade da Coruña, e Eva López, Secretaria do Colexio Profesional de Educadores/as Sociais de Galiza, nunha palestra titulada “Problematizando a intervención  dos Servizos Sociais na protección á infancia e á adolescencia”. A continuación interviu o avogado Víctor M. López Casal, para falarnos do “Delito de abuso sexual infantil. O problema da proba”.

O maltrato a menores a debate na Casa Solidaria
Laura Cruz e Eva López durante a súa intervención
Víctor M. López Leal referiuse ao abuso sexual infantil e o problema da proba

Logo da intervención dos relatores abriuse a quenda de dúbidas e impresións por parte do público nunha conversa intensa e construtiva. A prensa non desatendeu a convocatoria, destacando especialmente as entrevistas realizadas polo Faro de Vigo e o Diario de Ferrol a Estrela Gómez, coordinadora de AGAMME, que podedes consultar premendo nos títulos dos xornais.

Finalizan con éxito as Primeiras Xornadas sobre o Maltrato á Infancia e a Adolescencia