A Marcha Mundial das Mulleres e a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) elaboraron un manifesto de repulsa do terrible asasinato de dúas nenas a mans de seu pai en Moraña, que foi lido durante os actos de protesta que tiveron lugar onte en Ferrol. Deixamos o texto a continuación:

“A morte dunha crianza é sempre dura de aceptar, preséntasenos como algo case antinatural. Pero cando é un asasinato do propio pai, a imposibilidade de aceptar, de comprender, lévanos ao estupor e a tentar alonxar da nosa mente esa imaxe que se nos fai insoportable.

Quizais por iso buscamos a explicación desa “loucura” nun problema individual, de alienación mental , reducíndoo ao ámbito familiar onde ocorreu o asasinato, para non ter que responsabilizarnos colectivamente. Para non ter que cuestionar ese esquema social que desprotexe as vítimas da violencia machista.

Non debemos aceptar que se fale de conflito marital, pois é unha fórmula que leva á desprotección das vítimas mulleres, nenas e nenos. Falemos de problema orgánico, dun esquema social patriarcal que atopa a súa máxima expresión na estrutura familiar: o pai (cabeza de familia) como controlador das vidas da súa prole e da súa muller. A nai, como figura subordinada, pasa a ter a consideración de persoa que non acada nunca a maioría de idade. Os fillos e fillas son as posesións, obxectos que o patriarca utiliza e sobre os que ostenta certos dereitos.

Chamémoslle máis ben abuso de poder, pois é precisamente o desequilibrio de forzas o que caracteriza o sistema familiar patriarcal.

Formamos parte dunha sociedade que tolera e incluso incentiva certas formas de violencia, que continúa a considerar a familia un espazo privado onde o maltrato é posible e que silencia ás vítimas.

Rompamos o pacto de silencio e deixemos aos nenos e nenas vítimas expresar a súa dor, aprendamos a escoitalas, e a crer nelas.

Adiantando que un dos problemas para coñecer o verdadeiro impacto do maltrato infantil é a ausencia de datos e estudos actualizados, sinalamos algunhas cifras:

Dende 2013, 14 nenas e nenos foron asasinados no Estado Español no marco de violencia machista.

Máis de 100 perderon ás súas nais

Máis de 3000 foron vítimas no ámbito familiar.

Segundo a memoria de análise de impacto do anteproxecto de lei de protección á infancia, o 54% das nais vítimas de violencia machista relatan que os seus fillos e fillas sofren tamén violencia.

O Consello de Europa estima que un 20% da poboación infantil é vítima de abuso sexual, cuxos vitimarios serían nun 80% membros da propia familia.

Estudios de prevalencia indican que o 99% da poboación adulta relata ter sido obxecto dalgunha forma de maltrato intrafamiliar na súa infancia.

Os gobernos teñen a obriga de plantexar políticas integrais contra a violencia machista que inclúan as fillas e fillos das vítimas de violencia e que rectifiquen as carencias do sistema actual, ao abeiro do marco normativo internacional e dos requirimentos da sociedade civil:

Dende a clase política, que non acaba de entender a necesidade de introducir asuntos de infancia nas súas axendas e que, pola contra, continúan a entender o que atinxe aos nenos e nenas como asuntos menores.

Pasando polo ámbito xurídico, cunha xustiza anquilosada en esquemas e hábitos do pasado e en absoluto adaptada ás necesidade e características específicas da infancia.

Así como no caso dos diversos servizos da administración galega dirixidos cara a atención á infancia, con equipos técnicos que carecen de toda formación específica nesta área, tal e como sinala o Valedor do Pobo nos seus informes dos dous últimos anos.

O Estado Español négase a cumprir a resolución do Comité para a Erradicación da Violencia Contra a Muller de Nacións Unidas (CEDAW), que obrigaba en agosto do ano pasado a indemnizar a Ángela González. No corpo do documento, a CEDAW expresa a súa condena ao Estado Español non ser dilixente na protección de nai e filla, vítimas de violencia machista. A nena, Andrea, de sete anos, foi asasinada polo pai durante unha das visitas que se lle outorgara por sentenza xudicial. A resolución de Nacións Unidas indica ademais a obriga do Estado Español de realizar unha serie de modificacións no funcionamento das institucións de tal maneira que se corrixa o sego de xénero no ámbito xudicial. O comité tiña observado esta forma de discriminación en asuntos tales como a consideración do interese superior do menor, a avaliación da necesidade de protección das vítimas, así como o feito de que se considerase de maneira prioritaria o dereito do pai ás visitas, por riba dos dereitos da nena. O Estado Español, a través de resolución do Tribunal Supremo, considera que a resolución da ONU non é vinculante polo que se nega a darlle cumprimento.

O movemento feminista ven denunciando durante anos a instrumentalización das crianzas por parte dos seus pais para seguir perpetuando a violencia que sofren as nais. Os fillos e fillas son,a cotío, armas e vítimas da violencia. A miúdo se lles emprega para desacreditar á nai, para ameazala, para intimidala, e noutros casos, como testemuñas ou mesmo obxecto da violencia do home, como é o caso que hoxe denunciamos.

Por iso, facemos un chamado á loita para a erradicación da violencia contra as mulleres, nenas e nenos; a ruptura cos esquemas patriarcais que marcan as relacións interpersoais e as estruturas familiares; a reivindicación da problemática do maltrato infantil como un asunto de interese xeral que debe colocarse en lugar preferente en cada unha das áreas da organización do noso país, tanto no micro como no macro, no cotiá como no institucional; un cambio de paradigma, en fin, na consideración da infancia e dos seus dereitos.

Estamos hoxe aquí porque queremos mudar una situación insostíbel para as mulleres e para as crianzas, porque forma parte da nosa responsabilidade. Queremos visibilizar o noso rexeitamento, que toda a sociedade entenda que é a nosa vida e a dos nenos e nenas a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas, que non toleramos a violencia contra as crianzas, igual que non toleramos a violencia contra as mulleres.

Transmitimos, así mesmo, o noso pesar e a nosa solidariedade á nai e á familia das pequenas, porque non podemos imaxinar nada máis doloroso para ningunha nai e porque ela tamén é vítima.

Amaia e Candela permanecerán para sempre na nosa mente e no noso corazón, e é un deber de todas e todos nós marcarnos como meta que o horror non se volva repetir.

O MACHISMO MATA, NON SEXAMOS CÓMPLICES.

BASTA XA DE VIOLENCIA MACHISTA.”

Manifesto da Marcha Mundial das Mulleres e AGAMME en repulsa do asasinato de dúas nenas a mans de seu pai en Moraña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*