AGAMME solicita ao goberno que conceda o indulto a María Salmerón

No día de hoxe, AGAMME fixo chegar ao goberno, ao Defensor do Pobo e á Fiscalía Xeral do estado un escrito no que solicita que se conceda o indulto a María Salmerón:

INDULTO_Salmerón_ AGAMME 18-04-22 (TEXTO EN CASTELLANO)

Como asociación de dereitos de infancia consideramos un deber político, moral e de xustiza a concesión do indulto a María Salmerón. Como trasladamos noutras ocasión ao goberno, é necesario evitar a prolongación da violencia que sofre Salmerón a mans do seu ex marido, primeiro de forma directa (da cal queda constancia pola condena de prisión que o violento nunca chegou a cumprir por non ter antecedentes penais) e durante máis de dúas décadas de forma indirecta a través da continua querulancia contra a vítima que a xustiza no se preocupou por deter. Así pois, consideramos que María Salmerón é tamén vítima dunha sorte de violencia vicaria por medio da cal o agresor se vale dos instrumentos do estado para seguir causando dano tanto a ela como á súa filla. En consecuencia, no só é necesario, imprescindible, deter o dano que se lle está provocando dende as institucións do estado ao prolongar os procedementos contra ela, obviando a súa condición de vítima (da nai e da filla), senón que ao mesmo tempo debe iniciarse un proceso de reparación de dito dano.

María Salmerón non é un perigo para a sociedade, non existe risco de reincidencia, pois a súa filla é agora maior de idade. María Salmerón é un exemplo de valores, de tesón e de valentía. A sociedade beneficiouse da loita que ela emprendeu hai máis de dúas décadas, agora ninguén pon en dúbida que os fillos e fillas de mulleres que sofren violencia de xénero son tamén vítimas e recentemente aprobouse unha lei que converte este principio nun dereito de protección para os nenos e nenas.  Polo tanto é deber das institucións do Estado recoñecer a súa enorme valía e impedir que o agresor siga perpetuando a súa violencia contra nai e filla. A filla de María Salmerón é agora maior de idade pero sufriu durante toda a súa infancia e adolescencia os prexuízos creados por unha xustiza anticuada, non formada para responder de forma efectiva contra a violencia de xénero, e que non soubo protexela ante a violencia, esqueceuna entón e continúa esquecéndoa agora. Todo dano que se cause á súa nai será un dano causado a ela e temos o deber de impedilo.

SOLICITAMOS:

  • A aprobación da concesión do indulto a María Salmerón Parrilla no próximo Consello de Ministros.
  • Que a Fiscalía inicie de oficio un procedemento de investigación da violencia institucional sufrida por María Salmerón e pola súa filla.
  • Que se realice un recoñecemento oficial por parte do goberno do valor da loita de María Salmerón e da súa filla e do beneficio que a mesma supuxo para a sociedade.

 

PRESIDENTE DEL GOBIERNO

SRA. MINISTRA DE JUSTICIA

SRA. MINISTRA DE IGUALDAD

SRA. MINISTRA DE DERECHOS SOCIALES Y AGENDA 2030

DEFENSOR DEL PUEBLO

FISCALÍA GENERAL DEL ESTADO

Declaración de AGAMME sobre o cumprimento de Dereitos de Infancia no conflito de Ucraína

DECLARACIÓN SOBRE O ESTADO DE CUMPRIMENTO DE DDHH NO CONFLITO ARMADO EN UCRANIA

Dende AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, queremos amosar a nosa preocupación polo estado de cumprimento de Dereitos Humanos por mor do conflito bélico que se está a producir en territorio ucraíno, moi especialmente en todo o que atangue a nenos, nenas e adolescentes. Ao respecto, consideramos que algunhas das decisións que se están tomando por parte dos Estados membro e das institucións da propia UE non só non están a contribuír a resolver o conflito senón que poderían conducir á súa prolongación, aumentando o sufrimento do pobo ucraíno e a destrución do territorio así como o risco dun ascenso na escalada bélica, co perigo subxacente da súa ampliación a outros estados. Algunhas destas actuacións dos organismos estatais e/ou europeos coliden frontalmente cos estándares internacionais de dereitos humanos e de infancia, dando lugar a  situacións de discriminación e dunha enorme vulnerabilidade.

Para a elaboración desta declaración baseámonos nos seguintes fundamentos:

  1. Rexeitamos a guerra, calquera guerra, estamos en contra de dirimir os conflitos por medio das armas, que causan mortes, sufrimento, destrución, pobreza, … Rexeitamos a militarización e a política de bloques. Apostamos pola Paz e pola resolución dos conflitos por vías pacíficas no seo das Nacións Unidas.
  2. A necesidade urxente dunha resolución do conflito por medios pacíficos de negociación.
  3. O perigo que representa para a humanidade a escalada bélica.
  4. A atención a preservar os parámetros de benestar da poboación –especialmente a infancia e a adolescencia, en base á CDN- incompatible coa situación de guerra.
  5. A necesidade de primar este interese sobre outros de tipo estratéxicos e xeopolíticos.
  6. Promover a concordia entre os pobos evitando a herdanza de conflitos de odio para xeracións futuras.
  7. A toma en consideración da vontade popular de evitar un conflito bélico, tanto entre a poboación de Rusia e Ucraína como no resto de Europa.

En base a estes principios de carácter xeral, denunciamos unha serie de actuacións que están a levar a cabo por acción ou omisión os organismos públicos estatais e europeos, afectando de maneira global á poboación e en particular á infancia e á adolescencia, vulnerándose normativas europeas e internacionais:

1º A actitude das institucións comunitarias e dos países membros, caracterizada pola pusilanimidade na busca da restitución da paz. Moi pola contra, o envío de armamento a Ucraína podería alimentar o conflito, prolongándoo e provocando consecuencias indesexables.

2º A vulnerabilidade que se está  xerando a nenos, nenas e adolescentes, así como a mulleres desprazadas ao non regularse o mecanismo de acollida de persoas refuxiadas e ao permitirse que este labor sexa levado a cabo por parte de iniciativas particulares. Deste xeito, como xa se comeza a ver en prensa, menores de idade e mulleres convértense en branco fácil para as redes de trata.

3º A discriminación por motivo de orixe como principio de regulación dos procedementos de entrada na EU de persoas refuxiadas, colidindo coa normativa de DDHH e específica relativa ás persoas refuxiadas. Denunciamos que esta discriminación se produce, tal e como se informa a través dos medios de comunicación, entre persoas residentes en Ucraína, en función da súa nacionalidade ou orixe. Denunciamos tamén a discriminación que están a sufrir as persoas solicitantes de asilo na UE que foxen de conflitos armados noutros puntos do planeta.

4º A utilización mediática da infancia coa fin de provocar reaccións emotivas no público, alonxando ao xornalismo do seu deber de información obxectiva e incumprindo a necesaria protección da imaxe e a intimidade dos nenos, nenas e adolescentes.

5º A falta de información veraz e suficiente para que a poboación poida formarse unha opinión propia sobre os distintos aspectos do conflito. O acceso a información é imprescindible para asegurar o correcto funcionamento das estruturas democráticas.

6º O emprego do boicot contra Rusia como arma de guerra, incluídas as actividades artísticas e deportivas. Como dixemos máis arriba, o pobo ruso non desexa a guerra e, non obstante, podería verse empobrecido de forma dramática en caso de prolongarse o boicot, co cal estaríamos a provocar un escenario de emerxencia humanitaria na que de novo a infancia e a adolescencia se verían gravemente prexudicadas.

Por outra banda, o boicot a artistas e producións artísticas rusas, a deportistas e ao mundo da cultura en xeral debe ser desbotada como estratexia. As artes e a cultura deben ser entendidas como un valor humanístico que transcende fronteiras e deben ser preservadas. Foron historicamente oportunidades para restablecer o entendemento e a concordia e como tales deben ser protexidas pola comunidade internacional. Debemos evitar, por outra banda, para garantir ás xeracións vindeiras un futuro de convivencia positiva entre os pobos, que se caia no odio ao ruso que marcou o período da guerra fría no século pasado.

 

Por todo isto, solicitamos:

  • Que a UE e os estados membros se senten a deseñar unha estratexia para a recondución do conflito cara á negociación e urxente detención da acción bélica.
  • O estrito cumprimento do dereito internacional no tocante ás persoas refuxiadas, con especial atención ás persoas máis vulnerables nestes contextos.
  • Que se estableza un mecanismo oficial, non discriminatorio e seguro de acollida das persoas refuxiadas, poñendo especial cautela na protección de menores de idade e mulleres como potenciais vítimas das redes de trata.
  • Que se establezan pautas de conduta e compromisos por parte dos medios de comunicación que garantan unha información suficiente e veraz, con datos obxectivables e evitando a confusión e o falseamento de imaxes e informacións. Que se cumpran as obrigas establecidas normativamente para protexer a imaxe e a intimidade dos nenos e nenas no eido dos medios de comunicación.
  • Que se deteña a campaña de boicot en todos aqueles aspectos que poidan afectar directamente á poboación civil rusa. Que se abandone a persecución das artes, a cultura e o deporte rusos.
  • Que se promova por parte das institucións comunitarias e os estados membros a volta ao respecto entre os pobos, evitando así o asentamento de prexuízos rusófobos impropios dos tempos actuais.

Posicionamento AGAMME Ucraína

Posicionamiento AGAMME Ucrania (cast.)

O movemento feminista galego diríxese a organismos autonómicos, estatais e internacionais para esixir o cumprimento de DDHH no Sahara Occidental e a liberación de Sultana Khaya do arresto domiciliario

No día de hoxe, luns 13 de decembro de 2021, un total de 33 entidades pertencentes ao movemento feminista galego, xunto con outras 24 sociedades de diverso tipo e 297 sinaturas particulares, dirixíronse a organismos autonómicos, estatais e internacionais coa fin de esixir o cumprimento de Dereitos Humanos no Sahara Occidental e dos acordos internacionais relativos ao proceso de paz e para o referendo sobre a autodeterminación do pobo saharaui.

As organizacións dirixíronse aos grupos parlamentartios no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, ao Defensor del Pueblo e á CEDAW de Nacións Unidas (Comisión para a Erradicación da Violencia contra a Muller) e a MINURSO (Misión de Nacións Unidaspara o Referendo no Sahara Occidental). Por outra banda, están a facer xestións para que o asunto chegue ao Parlamento Europeo por medio dunha pregunta parlamentaria.

As entidades agradecen o apoio e a colaboración dos colectivos e particulares que asinaron e difundiron o texto.

Declaración Feminismo Galego_Sultana Khaya

Declaración Feminismo Galego_Sultana Khaya_CAST

 

AGAMME subscribe a Declaración do Movemento Femista en apoio á activista saharaui Sultana Khaya

Un total de 26 colectivos feministas galegos, xunto con 11 entidades de diverso carácter e preto de 250 particulares asinan o texto en apoio a Sultana Khaya e á súa familia que pasamos a transcribir. O texto permanecerá aberto para sinaturas ata última hora do vindeiro domingo 12 de decembro na seguinte ligazón:

https://docs.google.com/document/d/1cdjADMV-c7TWinlI2GgNQacQY7rCJD9Um_KB3eFt3xk/edit

DECLARACIÓN DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO A RAÍZ DO NOVO ATAQUE DENUNCIADO POLA ACTIVISTA SAHARAUI SULTANA SID BRAHIM KHAYA

O  movemento feminista galego envía unha mensaxe de apoio e solidariedade á activista saharaui Sultana Khaya e á súa familia (a nai ten 82 anos e hai un menor de 12 anos), logo de ter sido de novo agredidas na madrugada do 5 de decembro, segundo elas mesmas denuncian nun vídeo difundido por Equipe Media Sahara, por forzas paramilitares marroquís no seu domicilio na ocupada cidade de Bujador.

O arresto domiciliario da activista e da súa familia iniciouse o 21 de novembro de 2020, xusto dous días despois do regreso de Sultana de España, e dende hai máis dun ano sofren constantes e brutais ataques no seu domicilio con substancias tóxicas, agresións físicas, agresións sexuais, inoculación de substancias químicas descoñecidas e unha posible infección non accidental co virus da Covid-19.

As asociacións feministas non podemos permanecer en silencio ante esta constante violación de dereitos da que están a ser vítimas a Presidenta da Liga Saharaui para a Defensa dos DDHH e contra o Espolio dos Recursos Naturais así como as súas familiares. Por cuarta vez dende o inicio do arresto domiciliario as activistas denuncian ter sufrido agresións sexuais por parte de paramilitares marroquís, nunha clara mostra do que Laura Segato define como novas formas da guerra: “as novas formas da guerra, caracterizadas pola informalidade, despréganse hoxe nun espazo intersticial que podemos caracterizar como para-estatal (…). Nesa esfera de para-estatalidade en franca expansión, a violencia contra as mulleres deixou de ser un feito colateral da guerra e converteuse nun obxectivo estratéxico deste novo escenario bélico”. Trátase ademais dunha violencia que toma como terreo de combate o corpo das mulleres e como medio a violación e outras formas formas de violencia sexual.

Parafraseando a Silvia Federici, debemos ter en conta que neste escenario “a violencia contra as mulleres é un elemento esencial nesta nova guerra global, non só a causa do horror que evoca ou as mensaxes que envía, senón polo que representan as mulleres, capaces de manter unida á súa comunidade e defender concepcións non comerciais da seguridade e a riqueza”.

Así pois:

Condenamos rotundamente a violación sistemática de dereitos do pobo saharaui que se materializa dende a entrada de tropas marroquís en territorio saharaui en novembro do ano 2020, entre outros actos violentos, no arresto domiciliario e constantes agresións á activista Sultana Khaya e á súa familia.

Esiximos ao goberno español que condene a vulneración dos dereitos do pobo saharaui por parte do goberno marroquí e, no caso que nos ocupa, inste ás autoridades marroquís a liberar á familia Khaya do arresto domiciliario ao que está sendo sometida.

Esiximos ao goberno de España que, como autoridade administrativa responsable de asegurar a paz na zona e de guiar o proceso de descolonización do Sahara Occidental por parte de Marrocos, realice as acción pertinentes que conduzan ao abandono do exército marroquí dos territorios saharauis e o cese da violencia contra o pobo saharaui.

Que os feitos denunciados por Sultana Khaya dende o inicio do arresto domiciliario en novembro de 2020 sexan investigados polo Tribunal Penal Internacional.

Que a MINURSO (Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental) realice de forma efectiva o seu cometido e que se estableza un mecanismo de vixilancia que permita coñecer o estado de cumprimento de Dereitos Humanos que garanta a non violencia así como a celebración con garantías democráticas do referendo sobre a soberanía do Sahara Occidental.

 Galiza, a 8 de decembro de 2021

 

Dende AGAMME queremos destacar, asimesmo, que entre as persoas en arresto domiciliario se atopa un menor de idade de 12 anos que está sendo exposto ás constantes mostras de violencia e sendo testemuña dos ataques dirixidos contra a súa nai, tías e avoa. Desta forma queremos chamar a atención sobre a maneira en que se vulneran os dereitos de nenos e nenas por parte do ocupante marroquí.

 

A Vicecoordinadora de AGAMME, Lupe Ces, no Faladoiro sobre violencia vicaria organizado polo CIM de Pontevedra

Na tarde de hoxe, mércores 24 de novembro, a nosa compañeira e Vicecoordinadora de AGAMME, Lupe Ces Riobóo, participa nun acto conmemorativo do 25N organizado polo Centro de Información á Muller de Pontevedra. 

Baixo o título de “Faladoiros. Outras violencias machistas. A violencia vicaria” celébrase esta mesa redonda na que participan tamén Andrea Campos, promotora de igualdade e integradora social e Eylin Colmenares Aguilar, Presidenta de XTodas, coa moderación de Yoya Blanco Rial, Concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra.

AGAMME participa na consulta previa aberta polo Ministerio de Igualdade para modificar a lei de Violencia de Xénero

AGAMME vén de presentar perante o Ministerio de Igualdade as súas propostas para participar na consulta pública previa para a modificación da lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

A información completa pódese consultar na seguinte ligazón: 

https://artabra21.blogspot.com/2021/11/propostas-de-agamme-asociacion-galega.html

O documento está dispoñible no pdf que se adxunta:

PROPOSTAS AGAMME (cast)

Comunicado a raíz da sentenza do xulgado de Marbella que retira a custodia a unha muller por vivir “na Galicia profunda”


No día de onte, domingo 24 de outubro, varios medios de comunicación fixéronse eco da sentenza ditada por unha xuíza da cidade de Marbella a través da cal, en sentenza de medidas provisionais, lle retira a unha muller a custodia do seu fillo por considerar que as condicións de vida no seu lugar de residencia non garanten que o neno medre “nun ambiente feliz”. Segundo se extrae dos contidos da sentenza que transcenderon aos medios de comunicación, o motivo para dubidar da adecuación do lugar de residencia sería que se atopa no que a xuíza considera que é “a Galiza profunda”.
As entidades abaixo asinantes non podemos se non amosar a nosa máis absoluta repulsa ante este acto xudicial no que, segundo se desprende do recollido en prensa, se vulnerarían dereitos do neno e da nai en base a prexuízos ligados a un concepto estereotipado e pexorativo do rural galego, incumpríndose así o dereito fundamental enunciado no artigo 14 da Constitución. Do mesmo xeito, o auto amosaría unha absoluta ignorancia sobre a realidade xeográfica, cultural e demográfica do noso país. Ao respecto debemos dicir que a comarca de Noia se atopa a uns 30 minutos da capital de Galiza, que conta cunha densidade de poboación de 103 habitantes por km2 así como unha serie de núcleos urbanos nas súas proximidades que aseguran o acceso a todos os servizos necesarios. Non se pode falar, polo tanto de Galiza profunda, que faría referencia a municipios illados, con moi pouca poboación e dificultades para acceder a servizos.
Máis aló desta aclaración, asentar xudicialmente que os nenos e nenas de zonas rurais galegas non teñen garantidas as necesidades básicas por mor das características socioeconómicas e de distribución da poboación no noso ámbito xeográfico, significaría crear unha situación de vulnerabilidade para todos aqueles menores de idade residentes en municipios rurais, dado que se cuestionaría a capacidade dos seus proxenitores e proxenitoras para asegurar o seu benestar en base a un principio discriminatorio e non obxectivo.
Por este motivo consideramos imprescindible que os organismos públicos galegos publiquen nos próximos días declaracións institucionais ao respecto e realicen cantas accións estean na súa potestade para que se depuren responsabilidades e se garanta unha actuación da xustiza consonte ao marco de Dereitos Humanos e en especial da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena.


Ferrol, a 25 de outubro de 2021


AGAMME Asociación Galega contra o Maltrato a Menores
Sindicato Labrego Galego
Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo
Maternidades Feministas
Colectivo Feminista As Pontes
Asociación Cultural Fuco Buxán                                                                      Marcha Mundial das Mulleres
Alvixe
AGAFEM (Asociación Galega de Acollemento de Familia Extensa do Menor)
ASOCIM (Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller)

AGAMME e AGAFEM presentan queixa conxunta polas declaracións da Conselleira de Política Social sobre o aumento dos acollementos de menores en Galiza.

AGAMME E AGAFEM remitiron no día de hoxe, xoves 22 de abril, un escrito de queixa á Consellería de Política social por mor das declaracións realizadas pola Conselleira esta semana polo aumento dos acollementos en Galiza. A Conselleira relacionou directamente este incremento coa crise económica que está afectando ás familias polo contexto sanitario. Ao xuízo de ámbalas dúas entidades, AGAMME e AGAFEM, isto suporía un incumprimento da normativa vixente.
As entidades presentan unha serie de demandas coa fin de garantir que nenos e nenas galegas non son afastadas das súas familias por motivos estrictamente económicas, para o cal será necesario desenvolver políticas de apoio das familias específicas para a crise que atravesamos.
Outras das demandas presentadas teñen que ver coa discriminación en canto a apoio económico que sofren as familias acolledoras fronte aos recursos de acollemento residencial. Outro aspecto que salientan e a falla de transparencia en canto ao modo en que se bareman as contías por cada praza en centros de acollemento residencial, segundo as distintas variables, como poden ser a idade ou a existencia de necesidades específicas do neno ou nena. 
Piden tamén que a Xunta cree centros de menores de titularidade pública, de tal forma que o acollemento residencial en Galiza non dependa de entidades que se lucran coa prestación deste servizo.

Na balança, menores ou velhice? Por Lupe Ces.

Na balança, menores ou velhice?
 
A estas alturas ninguém nos pode ocultar que detrás da migraçom existem máfias e governos que a utilizam para premer, chantagear ou quitar estabilidade a zonas geo-estratégicas, tombar governos ou negociar com vantagem. O caso da fronteira mexicana é paradigmático. Ninguém, salvo que queira caminhar de olhos vendados, pode deixar de ver no êxodo migrante, unha historia de conquista e saqueio dos países de origem, por parte dos países recetores. Assumindo isto com toda a carga de profundidade que implica, da necessidade mesma de cambiar o sistema mundo, no aqui e agora cumpre pôr unha olhada urgente sobre as vítimas, e sobre essa moeda de cambio e chantagem que som os menores migrantes.
 
Nestes case dous anos de pandemia, como sucedeu ao longo da historia em momentos de crise, e esta é unha crise mundial, assistimos a um confronto sobre o modelo de sociedade. O debate público/privado, os direitos coletivos e individuais, a liberdade, e mesmo o valor da vida humana, envolvem este debate. Unha confrontaçom de ideias que nom está facilitada pola informaçom-lixo, ou as mentiras que se divulgam num fogo cruzado, onde saem exabruptos como a campanha onde se contrapom o gasto que supom o acolhimento dum menor migrante e o gasto dumha mulher de idade. Unha imagem tramposa que pretende que elejamos entre a vida e o bem-estar dum familiar e a vida dum menor. Sem dar-nos a oportunidade de sermos unha sociedade, com suficientes recursos para valorar a vida de todas e todos, para sermos unha sociedade de acolhimento e coidados.
 
Esta semana assistimos com horror na cidade de A Coruña à detençom dum grupo de pessoas acusadas da compra-venda dumha nena de 12 anos. As novas sobre violência contra menores, ou as cifras do aumento dum 30% de casos de menores tutelados pola Xunta durante a pandemia, estam indicando o rueiro por onde unha parte da sociedade, quere que transite o futuro de menores vindos ao mundo nunha situaçom de vulnerabilidade. Volvemos a partir, unha e outra vez, num grande Titanic onde nom hai suficientes barcos salva-vidas, na vez de construir barcos onde a velhice segura e a infância com direitos esteja garantida.
 
Lupe Ces Riobóo, Vicecoordinadora de AGAMME.

Enorme tristura en AGAMME pola perda dunha loitadora irreemprazable.

Dende AGAMME queremos expresar a inmensa perda que supón a partida de Paloma Rodríguez. Como política das que xa non abundan, a súa defensa dos dereitos das vítimas non quedaba na mera declaracións de intencións, senón que implicaba unha acción decidida e valente. Así foi como mantivo ata o final da súa vida o seu compromiso cos movementos sociais e nomeadamente co feminismo e cos colectivos de dereitos das vítimas de maltrato infantil e violencia de xénero.

Quédanos como única forma de honrar a súa memoria continuar esta loita coa súa fortaleza, ética e valor. 

Ata sempre, Paloma.