Dende AGAMME facémonos eco dunha nova publicada por Esculca. Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades a pé feito dos ataques indiscriminados do exército israelí cara á poboación civil palestina que están a ser especialmente cruentos na poboación infantil:
O novo curso escolar comezou en Burín, unha vila situada a 63 kms de Xerusalén e rodeada por colonatos ilegais, coa notícia dos ataques do exército israeli a escolares con bombas enxordecedoras e gases lacrimóxenos. Algunhas das vítimas, que precisaron asistencia médica, non chegan aos 6 anos. Un dos ataque foi gravado por activistas de International Solidarity Movement (ISM).
Unha das voluntarias deste movemento solidario, Ally Cohen, describe así o acontecido: “Eu estaba cun colega do ISM xunto a dous meniños menores de seis anos. Vimos varios adolescentes correndo para o punto de control e lanzando pedras, e a seguir fuxindo rapidamente. Despois os soldados lanzaron duas granadas enxordecedoras onde estábamos nós.”
“Tentamos consolar os pequenos despois de as granadas explotaren, mais, que podiamos lles dicir? Os dous estaban asustados. Quixemos acompañalos á escola mais botaron a correr. Naquel momento foi lanzada outra grenada con gas lacrimóxeno ainda que non había ningún rapaz atirando pedras. O fume era intenso e eu comecei a notar que afogaba e non podía respirar”.
A testemuña di que só pode imaxinar que podía sentir naqueles momentos un meniño. “A partir de aí a situación só parecía poder empeorar: había moito gas lacrimóxeno no ar, os nenos non podían chegar á escola”, conclui a activista do ISM.
Segundo informa a axencia de noticias Ma’an, o ataque do exército sionista poderia ser unha vinganza por un adolescente ter atirado pedras ao vehículo dun colono do ilegal asentamento de Yitzhar que pasaba ao pé da escola.