Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) recollemos a noticia de Cristina Huete, publicada polo xornal El País o 8 de xullo de 2013, sobre as consecuencias do decreto dos comedores escolares nas familias galegas.

“De onde vou sacar eu 90 euros mensuais para pagar o comedor da miña filla?”. Jorge Pérez, viúvo, no paro e co único ingreso da axuda familiar, é un dos 20.000 proxenitores galegos aos que o decreto do copagamento que pon en marcha sen respaldo social a Consellaría de Educación expulsou da gratuidade deste servizo público.

Unha imposición que a Xunta coou de rondón a finais de maio —sen ter en conta o rexeitamento do Consello Escolar de Galicia— cando notificou aos centros escolares a imposición do pagamento do prezo máximo por menú, de 4,5 euros diarios, aos alumnos matriculados nun centro que non sexa o da área de referenza máis próxima ao seu domicilio. E Miranda, a filla de Jorge, nin está empadroada en Ourense, onde porén vive e leva estudando toda a Primaria no mesmo centro, nin pode conseguir praza no colexio do municipio de Coles, residencia da súa avoa paterna onde consta que ten a súa vivenda: cando Educación anunciou esta medida nin sequera había prazas aí. Pero aínda no caso de que as houbese ningún familiar podería facerse cargo da nena no pobo: seu pai, súa irmá maior, casada, e os seus avós maternos viven en Ourense.

A desesperada situación na que se atopa Jorge Pérez non ten nada que ver co argumento que esgrimiu Educación para xustificar este recorte destacando que así forzaba a colaboración das rendas máis altas na sostibilidade do sistema educativo. De momento, como xa anunciaron os sindicatos cando deron a voz de alarma sobre o decreto, este desangra xustamente ás familias economicamente máis febles.

Pérez aínda non sabe cómo fará para pagar os 90 euros mensuais que lle ha custar o comedor da súa filla no colexio público ourensán Manuel Sueiro. A nena, de nove anos e orfa de nai, non percibe pensión de orfandade e seu pai ten como único ingreso a axuda familiar. O apresurado anuncio do decreto do copagamento do comedor escolar a obriga a permanecer nese centro e non ten en conta a súa renda familiar. “Se fose así nos sairía completamente de balde”, sentencia o proxenitor.

El e a nena viven en Ourense pero están empadroados no municipio próximo de Coles, residencia da avoa paterna, un requisito que lles garante a prestación da axuda da dependencia da anciá. Así que aínda que Miranda teña dereito por renda ao comedor escolar gratuíto a Xunta arrebátalle esa posibilidade ao impor a nova condición: a obrigatoriedade de que os alumnos estean matriculados no centro da área de referenza máis próximo ao seu domicilio. Un dardo envelenado que acada de cheo á familia Pérez.

Non é a única. Alarmada porque preto de 20.000 familias máis se han ver afectadas por este novo decreto, a Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais (Confapa) pediu a semana pasada á Consellaría de Educación que demore un curso máis a súa entrada en vigor. A Confapa alertaba de que o anuncio dos novos baremos se produciu cando xa estaban as matrículas pechadas en todos os colexios. Pero a consellaría non se cuestionar facer ningunha modificación. “Aplicará o decreto como se anunciou”, asegurou a este diario un portavoz oficial de Educación.

Mentres a Confapa se pregunta por qué a consellaría impón un prezo de 4,5 euros por un menú diario polo que este departamento da Xunta só paga 2,40 euros no caso de comedores con menos de 75 alumnos, os pais afectados agardan xa só unha resolución xudicial que, explica Pérez, “garanta a gratuidade do comedor a quen realmente o precisamos”. Só no colexio Manuel Sueiro de Ourense son varios os casos de familias afectadas que non poden facer fronte a un gasto que se multiplica polo número de fillos. Algúns pais acudiron en busca de axuda aos servizos sociais do Concello de Ourense. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, anunciou o pasado marzo, na sesión de control ao Goberno, que o seu partido acudiría aos tribunais para tentar tombar este decreto, convencido de que vulnera a Constitución.”

Pode consultar o texto orixinal premendo acó.

“O pago do comedor golpea a familias sen medios con colexios lonxe da súa casa”