A comezos do mes de maio dábase a coñecer a noticia da detención de 18 persoas e a imputación doutras 17 por posesión e distribución de pornografía infantil a través da Rede. O programa informático que facilitou o labor policial coñécese como Nordic e achega unha tecnoloxía novidosa na localización deste tipo de material.
Facilitado pola Europol, a principal novidade de Nordic, o novo rastreador utilizado pola policía, consiste na posibilidade de identificar aos internautas que intercambian determinados arquivos pedófilos nas redes P2P, sen necesidade de pór a disposición doutros usuarios estes arquivos.
A semellanza do Gnuwatch, outra das ferramentas usadas recentemente pola policía no Estado español, Nordic é quen de localizar nun mapa a conexión da persoa investigada como se se tratase dun GPS, facilitando deste xeito o traballo dos axentes. Así, en poucas horas pódese chegar a identificar e deter aos pedófilos que intercambian esta caste de arquivos.
Asemade, a nova aplicación permite ampliar o rango de procura de fotos ou vídeos de pornografía infantil en redes de intercambio de arquivos, como a popular emule, utilizada por millóns de usuarios de todo o mundo para compartir contido audiovisual.
99 persoas localizadas
As primeiras detencións facilitadas polo Nordic producíronse dentro da nomeada operación Adriano, que permitiu localizar un total de 99 persoas sospeitosas de compartir fotos e vídeos de extrema dureza nos que nenos e nenas de pouca idade eran agredidos sexualmente por adultos. De todos eles, a Policía detivo a 18 homes e imputou a 17 persoas máis por posesión de material pedófilo.
Arestora, os membros da Brigada de Investigación Tecnolóxica (BIT) tratan de identificar aos menores vítimas de abusos, e pescudar se algún dos implicados é ademais autor das agresións que aparecen nas imaxes incautadas. No seo da mesma operación practicáronse 32 rexistros domiciliarios nos que se incautaron abundante material informático e computadores para a súa análise.
Os arrestados son todos homes, de 30 anos en diante e con profesións dispares, desde enxeñeiros a técnicos de mantemento, detectándose conexións sospeitosas en practicamente todas as comunidades autónomas.
O programa Nordic comeza a dar resultados na localización de pedófilos