A partir do vindeiro mes de abril os nenos e as nenas poderán presentar as súas propias denuncias ante o Comité sobre os Dereitos dos Nenos das Nacións Unidas, ao entrar en vigor o Terceiro Protocolo Facultativo da Convención ao respecto, grazas á ratificación realizada este martes por Costa Rica.

Segundo afirma UNICEF, coa sinatura do Executivo costaricense suman dez países que ratificaron o protocolo, xunto a Albania, Alemaña, Bolivia, Gabón, Eslovaquia, España, Montenegro, Portugal e Tailandia, polo que este intrumento xurídico fundamental pode entrar en vigor.

O Terceiro Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos dos Nenos relativo a un Procedemento de comunicacións protexe expresamente o dereito dos nenos e as nenas a buscar reparación ás violacións dos seus dereitos.

Para acadar este obxectivo garántenselles os cauces para presentar denuncias, xa sexa a título individual ou de forma colectiva, por vulneracións dos dereitos que lles son propios en virtude da Convención sobre os Dereitos dos Nenos, o Protocolo Facultativo relativo aos nenos en conflitos armados e o Protocolo Facultativo relativo á venda de menores, prostitución infantil e utilización de menores na pornografía

UNICEF destaca que esta nova ferramenta “fortalecerá a rendición de contas, non só ao axudar a atallar determinadas lagoas nos sistemas xudiciais relativos aos nenos a nivel nacional, senón tamén ao apoiar ás institucións independentes de dereitos humanos da infancia, como se pide na Convención sobre Dereitos dos Nenos”.

O Comité dos Dereitos dos Nenos poderá tomar medidas para protexer aos menores que presenten denuncias contra calquera posible represalia, solicitando ao Estado que adopte medidas provisorias para protexer ao menor ou grupo de menores. No caso de que se chegue á conclusión que o Estado violou a Convención, o país en cuestión estará obrigado a aplicar as recomendacións que teña realizado o Comité.

Os menores poderán presentar denuncias ante a ONU