Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), CIF G-70266044, inscrita no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais da Xunta de Galicia e no rexistro de asociacións do Concello de Ferrol,  RESPECTO Á SITUACIÓN DUNHA MENOR DE IDADE RESIDENTE NO CONCELLO DE FERROL, EN RISCO DE PERDA DO SEU DEREITO Á VIVENDA POLO INMINENTE DESAFIUZAMENTO, SEN ALTERNATIVA HABITACIONAL, AO QUE ESTÁ EXPOSTA A SÚA FAMILIA,

 

 

EXPÓN:

 

 

Que con data do 01-06-16 Stop Desafiuzamentos-Ferrolterra informou a AGAMME da situación dunha nena de 5 anos e a súa familia,  que se atopan en risco de perda da súa vivenda actual, arrendada,  por mor dun desafiuzamento que está previsto sexa executado o próximo 03-06-16.

 

Que no momento actual non existe unha alternativa habitacional para esta familia, o cal implica un risco para a nena respecto do seu dereito de acceso á vivenda (art. 47 Constitución Española) e do seu dereito a un “nivel de vida adecuado para o seu desenvolvemento físico, mental,  espiritual, moral e social” (art. 27 Convención dos Dereitos do Neno e da Nena de Nacións Unidas).

 

Que a situación na que se atopa a familia se debe á precariedade laboral e económica, polo que non existe intencionalidade de faltar ao pago das mensualidades. Que por outra banda isto se debe a un problema estrutural de falta de oferta de traballo e empregos de baixa calidade que está a caracterizar a actual crise económica pola cal esta comarca está véndose moi perxudicada.

 

Que a Convención dos Dereitos do Neno e da Nena contempla o deber do estado de ” proporcionar asistencia material e programas de apoio, particularmente con respecto á nutrición,  o vestiario e a vivenda” (art.  27.3).

 

Que existe a posibilidade de instar a adopción dunha medida (suspensión da execución á espera dunha alternativa habitacional) baseándose no art. 158 CC e no interese superior da menor de idade como elemento primordial en toda decisión que produza un efecto relevante na vida dunha persoa menor de idade.

 

Que existe xurisprudencia respecto da necesidade de preservar a continuidade da escolarización da pequena (auto xulgado 1° instancia n° 39 de Madrid,  do 6 de marzo de 2013), polo que conviría manter o actual domicilio ao menos ata o remate do curso escolar.

 

Que a mediación se considera a ferramenta óptima para resolver este tipo de situacións e que é posible utilizala en calquera momento do procedemento. Que é o propietario do inmoble quen se negou ata o de agora a mediar, o cal non significa que sexa unha vía que non se poida tentar coa fin de evitar unha situación de máxima desprotección para a nena. Esta mediación podería estar dirixida, subsidiariamente, no aplazamento da execución ata que se ofreza unha alternativa habitacional á familia.

 

Que, no caso de que finalmente non se deteña o desafiuzamento da vivenda, estaríamos ante un claro caso de violencia estrutural cara unha menor de idade de 5 anos,  dende o momento en que se produce unha vulneración de dereitos fundamentais causada por: a) unha situación de precariedade laboral e económica da cal non se pode responsabilizar aos compoñentes do núcleo familiar, b) a falla de sensibilidade cara a esta problemática por parte do propietario do inmoble,  c) a incapacidade dos organismos públicos para, ata o momento actual, preservar eses dereitos fundamentais da menor de idade (vivenda, condicións de vida, educación, interese superior), nin pola vía da suspensión da execución,  nin pola de ofrecer unha alternativa habitacional sostible e que perturbe no menos posible a escolarización e o contexto social da nena.

 

 

 

Polo cal SOLICITA:

 

 

Que os organismos competentes analicen o caso dende o punto de vista de dereitos de infancia e se busque unha solución que non perxudique á menor de idade, evitando en todo caso a exposición a unha posible situación de maltrato estrutural.

Que se esgote ata o último trámite a posibilidade de utilizar a mediación como recurso máis oportuno para resolver este tipo de problemas.

 

 

Á atención do/a representante legal de Stop Desafiuzamentos-Ferrolterra,  para o uso que considere máis oportuno, na defensa dos intereses e dereitos da nena en cuestión.

 

 

 

A Coordinadora

 

 

 

 

En Ferrol,  a 2 de xuño de 2016

 

Perda do dereito dunha nena residente en Ferrol a causa dun desafiuzamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*