AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), é unha asociación sen ánimo de lucro, afincada inicialmente en Ferrol que nace co obxectivo de conseguir mellores cotas de protección á infancia e a adolescencia na sociedade galega, así como a defensa dos seus dereitos.

Se ben é certo que a situación da infancia e da adolescencia mellorou nos últimos tempos, tendo este grupo de idade unha maior presenza social, tamén o é que aínda queda moito camiño por percorrer ata poder considerar que a nosa é unha sociedade defensora dos dereitos das persoas menores de idade.

Marcándo como documento de base a Declaración dos Dereitos do Neno e da Nena, AGAMME pretende acadar un sistema máis efectivo para a detección, notificación, avaliación e tratamento do Maltrato Infantil en Galicia.

Nesta primeira etapa da asociación, diriximos a nosa acción en tres dirección:

1.- Visibilización do maltrato á infancia e á adolescencia ante a sociedade galega, así como concienciación á poboación en xeral e en especial aos/ás profesionais dos ámbitos relacionados coa infancia, da tolerancia cero ante o maltrato infantil e a obriga ética e xurídica de denunciar ante o coñecemento ou sospeita.

2.- Reivindicacións á administración galega co fin de mellorar o sistema de atención á infancia maltratada, así como de ampliar e actualizar a lexislación vixente coa concreción suficiente como para que sexa de obrigada aplicación e desenvolvendo as políticas necesarias para que sexa efectivamente posta en marcha.

3.- Atención de consultas. Neste sentido a nosa función non será de asesoramento se non facilitadora de información (direccións, recursos disponibles na administración, entidades públicas ou privadas relacionadas coa consulta, documentación de referencia, lexislación,…)

É hora de que a sociedade galega tome conciencia da imperiosa necesidade de protexer á infancia e á adolescencia ante todas as formas de maltrato, así como defender os seus dereitos recoñecidos mundialmente na Declaración dos Dereitos do Neno e a Nena.

 PORQUE CADA, NENO, NENA E ADOLESCENTE TEN DEREITO A RECIBIR BO TRATO

ANTE O MALTRATO INFANTIL

ABRE OS OLLOS

NON PECHES A BOCA