refuxiadas23a_manigala

Dende AGAMME reclamamos as seguintes actuacións no tocante ás persoas menores de idade refuxiadas:

-sistema de control e seguimento de menores de idade, especialmente os non acompañados-as. Preferible un sistema telemático que permita acceder e modificar inmediatamente os datos, de maneira centralizada.
-contas respecto á desaparición de miles de nenos e nenas en campos de refuxiados e centros de acollida europeos. Tamén respecto a se existe un plan específico para investigar sobre o paradeiro de cada un deses nenos e nenas.
-crear vías de tránsito seguro, dende os lugares de orixe coa fin de evitar a exposición a redes de trata e explotación infantís.
-contas respecto á intervención con menores de idade refuxiados-as logo de terse asinado o acordo con Turquía. En especial, se os profesionais que están a realizar as avaliacións para determinar a necesidade de protección internacional de menores de idade teñen formación e experiencia específicas na área de infancia e se se está a promover o respeto da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena, con especial mención ao dereito a ser escoitados-as e tidos-as en conta, seguindo as pautas do Comité de Dereito do Neno e da Nena de Nacións Unidas.
-que se considere o acordo EU -Turquía ilegal, entre outras cousas por non contemplar de maneira específica o caso das persoas menores de idade e por partir da consideración de Turquía como terceiro país seguro, cando vulnera dereitos fundamentais dos nenos e nenas. Tocante a isto é preciso lembrar as denuncias de organizacións de DDHH respecto ao presunto asasinato nos últimos catro anos de persoas que intentaban cruzar a fronteira Siria-Turquía por parte das firzas turcas, incluidos ao menos catro nenos e nenas, así como a devolución diaria deTurquía a Siria dende o mes de xaneiro de centos de persoas, sen procedemento de ningunha clase e sen excluír nenos, nenas e mulleres xestantes.
-que se establezca unha estratexia internacional para a infancia na crise de persoas refuxiadas, que parta do marco normativo internacional na materia, coa fin de recuperar os principios normativos e de DDHH que se veñen perdendo nos últimos anos, lembrando que os dereitos dos nenos e nenas é algo que lles pertence a cada un deles-as sen excepción.
Un destes dereitos, que se considere o seu interese superior sempre, aínda cando existan outros intereses ou dereitos lícitos, estase a ver atacado cada vez que o interese dos estados ou dos grupos de poder a nivel mundial se pon por diante do dereito dos nenos e nenas Sirias. Obrigados-as a fuxir dunha guerra que para algúns analistas é un construto para o reaxuste de forzas entre a potencias mundiais; sometidos-as a toda clase de riscos ao longo do seu periplo; sen acceso a todo aquilo que o primeiro mundo considera básico (pan, teito, educación, sanidade …); para finalmente seren expulsados-as.
Non debemos permitir o avance da necrosia dos principios éticos á que estamos asistindo. Se non somos quen de facelo por altruismo fagámolo por egoísmo.

Refuxiados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*