O Ateneo Ferrolán acolleu, na mañá do sábado 26 de xaneiro de 2013, a II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia organizada pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), entidade que, dende 2010, traballa a prol da consecución de mellores cotas de protección á infancia e a adolescencia na sociedade galega, así como a defensa dos seus dereitos.

A xornada compúxose de 4 relatorios a cargo de expertos e expertas cunha ampla traxectoria na defensa dos dereitos humanos e, nomeadamente, da infancia e a adolescencia. Asemade, asistiron ás xornadas numerosos profesionais e poboación en xeral interesada na materia, o que desembocou en extensos e enriquecedores debates ao remate de cada intervención. A continuación achegamos, especialmente para aqueles que non puidesen estar presentes nas xornadas, un pequeno resumo das intervencións e o seu rexistro íntegro en audio.

O abuso sexual intrafamiliar. Mitos e realidades

carolina 2

A primeira palestra correu a cargo de Carolina Iglesias, psicóloga especializada en xénero a través do Master de Xénero da Universidade de Vigo, que actualmente desempeña o seu labor no Centro de Información á Muller de Nigrán. Dende o ano 2005 mantén unha actividade constante como formadora en materia de Igualdade e Xénero para concellos e deputacións, a Secretaría Xeral de Igualdade ou o Instituto da Muller, en Madrid, participando en programas de cooperación internacional. Ao longo da súa intervención, Carolina Iglesias salientou a gravedade social do abuso sexual a menores, ofrecendo datos de estudos que certifican que á beira de “1 de cada 5” nenos e nenas no Estado español, foi ou é vítima desta caste de abusos, a meirande parte dos cales se producen no eido intrafamiliar. Amais de desmontar diversos mitos e prexuízos que, adoito, circulan arredor das denuncias por abusos, Iglesias desenvolveu a tese de que a xénese dos abusos sexuais a menores sitúase na violencia da sociedade patriarcal na que vivimos.

A continuación podedes consultar a presentación da charla e o audio da intervención:

A xustiza fronte ao abuso sexual na contorna familiar
Maria Naredo

A segunda intervención correu a cargo de María Naredo, avogada cunha longa traxectoria na defensa das mulleres que, dende 1998, realiza investigacións sobre violencia de xénero, discriminación e dereitos humanos. Entre 2003 e 2006 coordinou no Estado español a campaña de Amnistía Internacional “Non máis violencia contra as mulleres” labor dende o que desenvolveu investigacións, promoveu mobilizacións e impartiu formación. Dende 2004 ata a actualidade realiza un traballo de seguimento e avaliación do impacto da Lei de Medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Actualmente, colabora con varias organizacións de dereitos humanos, mulleres e infancia en investigacións sobre acceso á xustiza no Estado español. Foi a investigadora principal do estudo de Save the Children “A xustiza española fronte ao abuso sexual infantil” cuxos resultados presentou no seu relatorio. Na súa intensa intervención, María Naredo, amais de presentar o seu informe, incidiu nunha crúa realidade: a meirande parte dos abusos sexuais analizados producíronse en nenos e nenas menores de catro anos. Nestes casos, a curta idade lonxe de se converter nun garante da máxima protección, devén factor de risco. No caso da intervención da Xustiza fronte as denuncias por abusos sexuais, segundo María Naredo, falta especialización por parte dos distintos profesionais que han de avaliar en moitos casos a validez dun testemuño. Ao tempo salientou a necesidade de acurtar os tempos que transcorren entre denuncia, investigación e sentencia. Nalgúns casos tárdanse meses e anos, ficando o menor nese intervalo de tempo, nunha total desprotección. Segundo conclúe Naredo, “non estamos pedindo condenas, simplemente estamos pedindo que se investiguen os casos, que se utilicen ferramentas, que as hai, para conseguir testemuñas das vítimas e probas periciais rigorosas”.

A continuación, pódese escoitar o audio íntegro da súa interesantísima intervención:

Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos

A segunda parte das xornadas encetou coa ponencia de Yolanda Román, responsable de Advocacy e Campañas de Save the Children. Licenciada en dereito, Román leva 15 anos a estudar dende o ámbito das ONG’s a incidencia política nos dereitos humanos e, dende hai 3 anos, nos dereitos da infancia. Na súa ampla intervención, e logo de repasar o marco normativo internacional vinculante relativo aos dereitos da infancia que, segundo indicou, é sistematicamente incumprido no Estado español, focalizou a atención nos valores sociais predominantes pois, segundo afirmou Román, ” vivimos nunha sociedade á que non lle importa a infancia, só hai que ver o espazo que ocupa nos discursos políticos ou nos programas electorais”. A continuación presentou o informe recentemente publicado por Save the Children “Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos”, co que a organización non gobernamental denuncia que non existen mecanismos axeitados para garantir os dereitos dos nenos e das nenas nos tribunais españois, especialmente os de seren escoitados e informados.

A continuación podedes escoitar o audio completo da intervención de Yolanda Román

yolanda e manolo
A síndrome de alienación parental, o sen sentido dunha polémica
A II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia pechou coa intervención de Manolo Lopo, psicólogo especialista en psicoloxía clínica e en terapia familiar que, ademais do seu labor como terapeuta desenvolve dende o ano 1992 unha intensa actividade como formador. Realizou cursos de formación sobre violencia de xénero dirixido a diversos ámbitos profesionais, incluído o xudicial; xornadas para numerosas entidades públicas e asociacións profesionais sobre a terapia familiar; cursos e investigacións no ámbito do traballo terapéutico con agresores e un longo etc. Ao tempo, Lopo ten no seu haber diversas publicacións especializadas entre as que destacamos, por afinidade temática “O ¿enfermar? psíquico do neno” (1996) ou “A síndrome de alienación parental: o sen sentido dunha polémica” (2010), que deu título ao seu relatorio.
Boa parte da intervención de Lopo consistiu en probar con datos científicos a inexistencia da chamada SAP (Síndrome de Alienación Parental), unha teoría acientífica promovida dende os anos 80 en EEUU por Richard Gardner, pederasta confeso, que presupón unha influenza por parte dun dos proxenitores aos nenos e nenas que din non querer estar en contacto co outro proxenitor. Esta pseudoteoría, a pesar da súa inconsistencia para a meirande parte da comunidade científica, ten penetrado nos xulgados de maneira masiva, provocando réximes de visitas normalizados e mesmo cambios de garda e custodia a favor de proxenitores acusados de abusos sexuais.
A continuación pódese consultar en power point a presentación de Monolo Lopo e a continuación a intervención íntegra en audio:

Documentos da II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia