A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), BDS-Galiza (Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel) e o Ateneo Ferrolán organizan unha palestra para reflexionar e debater arredor do xenocidio que dende tempo atrás estase a cometer en Palestina e que, como sabemos, ten especial incidencia sobre a poboación infantil. A xornada contará tamén coa proxección da curtametraxe Película urgente por Palestina, do cineasta galego Alberte Pagán e terá lugar o vindeiro Venres 27 de febreiro ás 19:30 horas no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204).
A sesión dará inicio ás 19:30 horas coa proxección da fita do cineasta de Carballiño Alberte Pagán Película urgente por Palestina. A curtametraxe, gravada en Palestina polo propio director en 2012, preséntase no propio texto en off do filme como “un panfleto sobre o sufrimento cotía, sobre o sufrimento histórico, sen imaxes, sen palabras”. Pero, a pesar dos seus escasos 15 minutos de duración, a obra de Pagán consegue ir máis aló da mera denuncia, reflexionando sobre os camiños nos que o cinema pode (e debe) representar o xenocidio.
Tras a proxección terán a palabra dúas representantes de BDS-Galiza, a Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel que, segundo se le no seu lema fundacional, agroma como unha resposta á colonización, o apartheid e a ocupación israelí en terras de Palestina. Baixo o título “Sionismo, limpeza étnica e infancia” intervirán as dúas relatoras, por unha banda Elvira Souto, activista de longa traxectoria que explicará a historia, funcionamento e obxectivos de BDS-Galiza. Pola súa banda, Lucía Barros falaranos da súa experiencia en terras palestinas como activista da organización afondando naqueles aspectos que vulneran de xeito máis directo a vida dos nenos e as nenas.