A Real Filharmonía de Galicia celebra dous concertos didácticos dirixidos a estudantes, en particular de ESO e Bacharelato, o xoves 21 e o venres 22 de febreiro, ás 11:00 horas no Auditorio de Galicia. E o sábado 23, ás 18:30 horas, repetirase a actuación para o público infantil e familiar dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos.

O concerto do sábado servirá para dar visibilidade a AGAMME, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, que traballa na protección da infancia e a adolescencia na sociedade galega, así como na defensa dos seus dereitos. Enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

A paisaxe sonora do noso planeta

Nos tres concertos ofrecerase o espectáculo “Pangea. A paisaxe sonora do noso planeta”, escrito polo poliinstrumentista natural de Sarria Abraham Cupeiro e que busca unir os cinco continentes a través da música. Levará a batuta o mestre Rafael Agulló, que na actualidade é director da Banda e Escola Municipal de Música de Silleda, profesor na Academia de Música Profesional de Viana do Castelo (Portugal), director da Banda de Música de Pontevedra e estuda Dirección de Orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Hai uns 200 millóns de anos no noso planeta existía un único e xigantesco continente: Pangea. Este empezou a separarse e, co paso do tempo, deu lugar aos diferentes continentes tal e como os coñecemos hoxe. Os asistentes farán unha viaxe musical dende a austral Oceanía, cos ecos das súas caracolas; pasando polas misteriosas montañas chinesas a través do son do hulusi, un instrumento de vento das minorías étnicas chinesas, cuxa historia se remonta a uns 200 anos antes de Cristo; visitando as grandes chairas de Norteamérica; as selvas de Sudamérica; a frauta Peul de Senegal, típica do pobo Peul, que é o pobo nómada máis grande do mundo; a gaida ou gaita búlgara, empregada polos pobos babilonios, hebreos, fenicios, romanos e celtas; a desafiante zurna, un instrumento de vento moi extendido polos países musulmáns; ata as milenarias cornas de pastor.

Abraham Cupeiro recupera instrumentos perdidos no tempo

Abraham Cupeiro dedícase á recuperación de instrumentos perdidos no tempo, que logo emprega para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles. Como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o karnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro. É ademais impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega, a corna, que na segunda metade do século XX xa estaba extinguido.

O seu interese pola organoloxía levouno a reunir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas. Cos instrumentos que recupera e constrúe interpreta dende composicións propias ata música actual. O seu último proxecto é Os sons esquecidos, gravado coa Real Filharmonía de Galicia para o selo discográfico Warner Classics.

Nova sacada de:
htttp://www.rfgalicia.org/gl/novas/unha-viaxe-polas-musicas-do-mundo-con-abraham-cupeiro-concerto-favor-de-agamme

Unha viaxe polas músicas do mundo con Abraham Cupeiro (concerto a favor de AGAMME)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*