Artigo de Sonia Vaccaro: “A xustiza e a identificación co agresor”

Sonia Vaccaro, Psicóloga clínica, Perito Forense e Experta en Vitimoloxía e violencia baseada no xénero, publica un artigo en Tribuna Feminista abordando a problemática da identificación co agresor como mecanismo de defensa que opera na psique para solventar unha situación traumática. Igualmentte analiza as implicacións desta cuestión na práctica xudicial.

 

Acceso ao artigo completo

V Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia: “O sistema de protección de menores de Galiza a análise”

AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores celebra a súa V Xornada sobre o  Maltrato á Infancia e á Adolescencia, baixo o título “o sistema de protección de menores de Galiza a análise”. O evento terá lugar o vindeiro sábado 16 no Ateneo Ferrolán, entre as 9:00h e as 14:00h, co obxectivo de poñer sobre a mesa a realidade dos nenos, nenas e adolescentes en situación de acollemento, nas súas distintas modalidades, e analizar cifras e lexislación actualizadas.

O primeiro relatorio correrá a cargo de Fernando Blanco Arce, avogado especialista en dereitos da infancia e membro do Observatorio para a Defensa dos Direitos e das Liberdades Esculca, que falará sobre a lexislación que establece os procementos e as características dos centros de menores. Expoñerá asimesmo a súa experiencia profesional como avogado da quenda de menores e como compoñente de Esculca.

A continuación tomará a palabra María José Alonso Abalde, Presidenta de AGAFEM, Asociación Galega de Acollemento da Familia Extensa do Menor. O seu relatorio versará sobre o traballo que a súa asociación vén realizando así como o punto de vista do colectivo respecto da forma en que se tramitan os acollementos de nenos, nenas e adolescentes en Galiza.

Pechará a rolda de relatorios Ana Mª Fernández Martínez, Doutora pola Universidade de Vigo dentro do programa “Menores en situación de desprotección e conflito social”. Presentará os datos e conclusións da súa tese doutoral a respecto do sistema de acollemento residencial en Galiza.

Á volta dun pequeno receso abrirase un debate no que as persoas relatoras e o público analizarán en común os temas que se trataron na mesa.

No mesmo acto presentarase tamén a exposición “Plántalle cara ao abuso sexual. Rompamos o silencio”, un material didáctico orientado a alumnado de educación secundaria, para a prevención do abuso sexual, que a asociación poñerá a disposición daqueles centros que estean interesados.

AGAMME participou no subproxecto “Violencia de Xénero” da Universidade de Vigo

O pasado venres, día 17, Víctor Manuel López Casal, en representación de AGAMME, participou no subproxecto “Violencia de Xénero”, pertencente ao Proxecto Redes de Innovación para a inclusión educativa e social, concedido polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. María M. Álvarez Lires, profesora do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo, investigadora principal de Grupo CIES, é a coordinadora deste subproxecto, e Ángeles Parrilla é a Directora Xeral da investigación.

 

AGAMME conmemora o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas

Negamos á infancia cando lle negamos a palabra

Hoxe, día Internacional dos Dereitos dos Nenos e da Nenas, revisamos un ano máis a situación de dereitos da infancia no estado. Revisamos e atopamos leves sinais de breves intencións, mínimos cambios terminolóxicos, discursos efémeros, nada perdurable e nada que inicie un verdadeiro cambio. Existe, iso si, un movemento social que se fortalece, que non ten intención de frear o seu avance; un movemento que está a dar pasos de xigante para crear un discurso común, para buscar unha base teórica aos seus plantexamentos,  e para atopar vías de coordinación, vías de acción que teñan un efecto real sobre as vidas reais de nenos e nenas.

Hai un dereito fundamental que, a pesar de atoparse recoñecido en toda canta lexislación existe –internacional, estatal, autonómica- de dereitos de infancia, continúa suspenso: o dereito do neno e da nena a ser escoitado ou escoitada. AGAMME leva este discurso dende o inicio da súa andadura: os nenos e nenas vítimas non son escoitados-as. Dicimos isto porque, por unha parte nalgúns casos realmente non chega a escoitárselles. E nos casos nos que a xustiza habilita un espazo onde se recolle a súa voz as condicións en que se produce este acto perturban de maneira irreparable a natureza da palabra infantil.

Reclamamos unha e outra vez que os nenos e nenas vítimas deben poder participar en procedementos xudiciais que se adapten ás súas necesidades como vítimas e ás súas características evolutivas: poder ofrecer o seu testemuño en espazos amables; no momento adecuado para o neno ou nena, non o que lle convén a esta administración de xustiza á que os executivos estatais e autonómicos limitan postos de traballo prolongando así as listas de espera ata o inaceptable; a través de profesionais con formación, que saiban entender as reaccións das vítimas, recoñecer o seu ritmo, a súa necesidade de pausas e silencios, ata onde se lle pode preguntar, os límites da súa resistencia, que cousas pode responder e cales non porque queda fóra do que o seu nivel evolutivo lle permite.

A entrevista forense, ese sucedáneo de dereito a ser escoitado-a, é un acto opaco onde o neno ou nena se atopa cun equipo de adultos descoñecidos que deben recompilar datos en tempo récord sobre a súa experiencia traumática. O que sucede entre esas catro paredes volve ser unha escenificación do poder do adulto sobre o neno. E tamén, cómpre dicilo, unha confirmación do poder patriarcal expresado a través dos instrumentos do Estado, cada vez que se interpreta o testemuño do neno ou nena como un produto das intencións das súas proxenitoras, que é o que vén a advertir a Fiscalía na súa Circular 3/2009 –a pesar dos recordatorios anuais do baixísimo índice de denuncias falsas por violencia de xénero que fai o Consello Xeral do Poder Xudicial e mesmo a Fiscalía de Violencia de Xénero-, no seu apartado sobre a avaliación do testemuño infantil. É opaco porque, aínda que en ocasións se grava, rara vez está dispoñible para as partes, ninguén poderá comprobar en que consistiu o relato completo, a totalidade da palabra expresada e do relato feito a través da linguaxe non verbal, tan importante na comunicación infantil.

Esa palabra mutilada, a golpe de bisturí, logo copiada e pegada para ser exposta nos informes, nas sentenzas… non é en realidade a palabra. É un fragmento descontextualizado, connotado a través da interpretación do equipo forense, xuíces, fiscais.

Un caso extremo desta utilización a conveniencia do dereito do neno ou nena a ser escoitado ou escoitada vémolo nas ducias de sentenzas que, despois de ter realizado a escoita, resolven non facerlle caso, en base ao seu interese superior: nenos e nenas que se negan a manter contacto con proxenitores, por temor, e que se ven obrigados xudicialmente a cumprir réximes de visitas, estancia, custodia porque o tribunal entende que o seu interese superior é poder desfrutar do seu dereito a manter relación con ambos proxenitores. Dereito convertido en deber, obriga do neno-a cara o proxenitor-a. Preguntámonos para que se lle escoitou entón.

Non podemos deixar de lembrar a necesidade dunha verdadeira formación de todos os corpos profesionais que atenden a nenos e nenas vítimas. Unha formación non só técnica, senón tamén humana. A observación Xeral 12 do Comité de Dereitos do Neno e da Nena de Nacións Unidas inclúe este aspecto humano cando manifesta “42. El contexto en que el niño ejerza su derecho a ser escuchado tiene que ser propicio e inspirar confianza, de modo que el niño pueda estar seguro de que el adulto responsable de la audiencia está dispuesto a escuchar y tomar en consideración seriamente lo que el niño haya decidido comunica”. Sen esta perspectiva, sen esta intención de recibir empaticamente o testemuño do neno e da nena vítima, o dereito a ser escoitado-a non é posible.

O neno e a nena deben poder ofrecer o seu relato en condicións de transparencia e de empatía, como puntos de partida necesarios. Deben poder ser escoitados-as por profesionais que sexan quen de comprender e explicar a través da súa ciencia que as lagoas de memoria, a distancia emocional no relato, incluso a retractación, son elementos típicos do testemuño certo de sucesos traumáticos. A nosa xustiza non pode seguir baseándose na ignorancia para sentar sentenzas. Non pode seguir partindo de plantexamentos que, a pesar de pretenderse científicos, a comunidade internacional nega, como é o caso da suposta síndrome de alienación parental e a súa terapia da ameaza, e outras etiquetas que certos colectivos minoritarios dentro da psicoloxía propoñen  ciclicamente. Etiquetas simplificadoras que ocultan síntomas recoñecidos internacionalmente como indicadores de estrés postraumático ou de determinadas formas de vitimización.

Ese proceso alquímico –ou de collage, máis ben- de transformación da natureza da palabra do neno e da nena nunha substancia de síntese creada a imaxe e semellanza da ideoloxía dominante, nega a palabra en si. E nesa negación anúlase a posibilidade de Ser, do neno e da nena vítima. O terror que asoma nos ollos do neno ou nena cando, logo de relatar a experiencia máis dolorosa da súa vida o que atopa é a incredulidade sistemática, a mirada de suspicacia, a orde que lle obriga a manter relación con quen lle fixo mal… é o medo a non existir, a non ser.

Escoitar en condicións materiais e profesionais adecuadas, no momento adecuado para a vítima, dando o tempo que o neno ou nena necesite, nun espazo que o protexa pero que non sexa opaco -existen medios tecnolóxicos máis que suficientes para iso- que permita ao xulgador-a escoitar e ver directamente o que o neno ou nena di. Promover prácticas científicas de calidade e desbotar  posturas ideolóxicas que prexudican a credibilidade das vítimas.

Este é o camiño que sinala a lexislación internacional, cun horizonte lonxano aínda, pero cara o que cómpre comezar a andar xa. Chamamos aos medios de comunicación a deixar de tratar estes asuntos como temas de sociedade, porque son de interese xeral, e a mudar a forma en que se expresan para que non se trate de novas morbosas illadas do seu contexto; aos partidos políticos para que introduzan os asuntos de infancia, e non exclusivamente a pobreza infantil, nos seus programas de forma transversal; ao lexislativo, para que eleven a un maior nivel de concreción certos principios recoñecidos pero que non se levan a cabo porque son excesivamente difusos e non obrigan a ninguén; ao poder executivo para que deixe de considerar a infancia como o último pola cola tanto en programas como en medios e recursos;  a cada un e cada unha de nós que conformamos o entramado social para comezar a considerar aos nosos nenos e as nosas nenas como algo máis que unha promesa de futuro, reclamar  un cambio de paradigma real, e dicir alto e claro “eu créote”, como punto de partida para que os nenos e nenas vítimas deixen de ser invisibles, deixen de morrer un pouco cada vez que se lles nega.

 

AGAMME participou no XIII Fòrum contra les violències de gènere (Barcelona)

Este foro ten lugar en Barcelona entre o nove e o once de novembro, co obxectivo, entre outros, de artellar resistencias contra as violencias sexuais. Na xornada do nove desenvolveuse unha mesa redonda co título “Com s’entenen les violències sexuals avui en dia? Quins són els reptes per als feminismes?”, na que participou Estrela Gómez Viñas en representación de AGAMME.

Acceso ao programa completo

 

AGAMME participou en Vigo na Xornada “Unidas contra a violencia machista”

Baixo o título “Unidas contra a violencia machista. O camiño cara o Pacto de Estado”, os pasados días tres e catro tiveron lugar as II Xornadas Municipais de Vigo, organizadas pola Consellería de Igualdade e o Consello Municipal da Muller. En representación de AGAMME, Víctor Manuel López Casal participou  na mesa redonda “Consecuencias e efectos da violencia de xénero sobre os nenos e as nenas”.