Save the Children aproveitou a celebración do Día dos Dereitos Humanos, o pasado 10 de decembro, para facer público o informe “Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos”, co que denuncia que non existen mecanismos axeitados para garantir os dereitos dos nenos e das nenas nos tribunais españois, especialmente os de seren escoitados e informados.
Segundo indica o novo informe da organización non gobernamental especializada no dereito dos nenos e das nenas, no Estado español non se cumpren arestora as pautas e normas de protección da infancia defendidas polo Consello de Europa e o Comité sobre os dereitos do neno da ONU. “Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos” advirte que a administración de xustiza en España non está adaptada ás necesidades dos menores. Á luz das normas internacionais de dereitos humanos e dos estándares internacionais en materia de xustiza e infancia, a xustiza española suspende o exame sobre o respecto e a garantía dos dereitos dos nenos e as nenas.
Save the Children sinala que en ocasións, no curso dos procesos xudiciais, sométese aos menores a interrogatorios, declaracións ou exploracións repetidas e inaxeitadas que os expón a unha dolorosa revitimización. Os nenos non sempre son tratados de acordo á súa idade de madurez, o que pode xerar neles confusión, temos e mesmo culpabilidade. O dereito dos nenos e das nenas a seren debidamente escoitados durante os procedementos, tanto xudiciais coma administrativos, e nos procesos nos que participan non se garante suficientemente e en moitos casos non se respecta. Preocupan de maneira especial as actuacións dos profesionais nas valoracións psicolóxicas de nenos e nenas.
Tal e como sinala a responsable de Incidencia Política de Save the Children, Yolanda Román, “a violencia institucional é un xeito de violencia contra a infancia que recolle Nacións Unidas no seu Informe mundial sobre a violencia contra os nenos. Violencia é calquera dano físico, mental ou emocional producido a un neno, por acción ou omisión, en calquera eido, tamén na xustiza.
Pódese consultar o informe completo premendo aquí.